Estás en:Novas

A Deputación da Coruña aproba unha declaración institucional en defensa da igualdade e dos dereitos das mulleres no 8M

A Deputación da Coruña aproba unha declaración institucional en defensa da igualdade e dos dereitos das mulleres no 8M

O pleno da Deputación da Coruña aprobou hoxe por unanimidade unha declaración institucional con motivo do 8M, Día Internacional das Mulleres. A declaración reafirma o compromiso da institución co avance da igualdade de xénero e co impulso de políticas que garantan dereitos reais para todas as mulleres, especialmente no ámbito laboral e da conciliación.

Baixo o lema elixido este ano polas Nacións Unidas, "Para todas as mulleres e as nenas: Dereitos. Igualdade. Empoderamento", a Deputación comprométese a intensificar os seus esforzos na promoción da igualdade a través de diversas accións.

Entre elas, destacan os programas para fomentar a participación das mulleres nos ámbitos da ciencia, a tecnoloxía, a enxeñería e as matemáticas (STEM), reforzando a súa presenza nestes sectores estratéxicos. Tamén se levarán a cabo medidas para protexer ás persoas menores de idade no entorno dixital, especialmente ante a exposición á pornografía e ás violencias sexuais, así como a posta en marcha dun novo programa coeducativo que reforzará os valores da igualdade e do respecto nas aulas. Ademais, a Deputación comprométese a participar na implementación das novas medidas recollidas na renovación do Pacto de Estado contra a violencia de xénero.

A Deputación subliña a necesidade de seguir avanzando en políticas públicas que garantan a eliminación da fenda salarial e a mellora das condicións laborais das mulleres, con especial atención ao sector dos coidados. Tamén pon de relevo a importancia de visibilizar a situación das mulleres migrantes, que sofren unha dobre discriminación tanto no acceso ao emprego como na vulnerabilidade fronte á explotación laboral e á violencia de xénero.

A Deputación da Coruña reafirma así o seu compromiso cunha política feminista activa, con medidas concretas e transversais que permitan construír unha sociedade máis xusta e igualitaria para todas as mulleres.