Estás en:Novas

Rosa Ana García destaca “a relevancia do sector audiovisual en Galicia” e “o compromiso da Deputación coa innovación dixital”

A deputada participou esta mañá en Carral no evento 'Animación en Serie', dedicado ás series de animación infantil producidas en Galicia

Rosa Ana García destaca “a relevancia do sector audiovisual en Galicia” e “o compromiso da Deputación coa innovación dixital”

A deputada de Industria, Emprego e Medio Ambiente, Rosa Ana García López, participou na mañá de hoxe, venres 28 de febreiro, no evento 'Animación en Serie' que se celebra no centro Amiga Space de Carral.

A apertura da xornada, dedicada ás series de animación infantil producidas en Galicia e que reúne a destacados profesionais do sector co obxectivo de poñer en valor a industria da animación como motor económico e cultural na comunidade, correu a cargo da deputada provincial, Rosa Ana García; do alcalde de Carral, Javier Gestal; do vicepresidente da Agrupación Industrial Audiovisual de Galicia, Gaspar Broullón; e do director de Amiga Space, Xosé Zapata.

Durante a súa intervención a deputada destacou "o papel chave da animación, como unha das formas máis potentes de arte e comunicación na actualidade" e subliñou "a relevancia do sector audiovisual en Galicia". Así mesmo puxo en valor "o compromiso da Deputación coa innovación dixital e a formación da xuventude en novas tecnoloxías, promovendo iniciativas educativas en animación, efectos visuais e programación, con especial atención á redución da fenda de xénero no sector".

'Animación en serie'

O evento incluíu diversos relatores e mesas redondas centradas na creación e produción de series de animación galegas, así como na súa proxección internacional, que permitiron a estudantes e profesionais do sector da animación vivir a experiencia de producir unha serie de animación.

Entre as actividades destacadas, presentouse o proceso de desenvolvemento da serie "Bibopalula" polo seu equipo creativo e abordouse a creación de marcas internacionais desde Galicia coa participación de Ton Pernas, Creador de "The Wawies" e director creativo de Wawaland Planet.

Ademais, tratouse a temática da coprodución internacional desde Galicia, coa intervención de Xosé Zapata (produtor), David Saborido e Laura Blanco (animadores), quen compartiron a súa experiencia na industria.

O evento concluíu coa mesa redonda "Animando Galicia", na que trataron os desafíos de producir animación en Galicia e na que participaron expertos do sector como Yago Fandiño, director de Contidos Infantís de RTVE e Clan TV; María Sabucedo, directora das plataformas Xabarin.gal e Agalega.gal; Xosé Zapata, produtor de "O Diario de Alice"; Ton Pernas, creador de "The Wawies"; e Álvaro Pérez, produtor de "Bibopalula".