Estás en:Novas

A Deputación aproba un investimento de 432.000 euros para recuperar as baterías de Monte Ventoso, na costa de Ferrol

O pleno deu luz verde ao documento que enmarca o proxecto, que deseñará a rehabilitación do edificio do observatorio meteorolóxico, a reparación da edificación do posto de mando ou a creación de itinerarios de visita, entre outras actuacións

Este plan engádese ás intervencións nas baterías de Ares e Valdoviño, coas que se completa unha primeira fase do proxecto de recuperación orzamentada con máis dun millón

A Deputación aproba un investimento de 432.000 euros para recuperar as baterías de Monte Ventoso, na costa de Ferrol

O pleno da Deputación da Coruña vén de aprobar esta mañá por unanimidade o convenio de colaboración entre a institución provincial e o Concello de Ferrol para levar a cabo o proxecto de acondicionamento das baterías de Monte Ventoso.

Dito documento enmarca un conxunto de traballos iniciais financiados ao 100% pola Deputación con 432.780 euros, cos que se porá de novo en valor as edificacións militares situadas na costa de Ferrol e a súa contorna.

"O investimento supón outro paso máis no plan da Deputación para a eecuperación das baterías militares da costa de Ferrolterra, como elemento de autoestima da comarca, de respecto pola nosa historia e patrimonio militar e como elemento de dinamización turística", segundo explicou o precisou que as actuacións previstas incluirán a rehabilitación do edificio do antigo semáforo e observatorio meteorolóxico, "que conta cunhas das vistas máis espectaculares de Galicia", permitindo o seu uso para hostalería e miradoiro excepcional sobre o mar Atlántico. Ademais, poderíase destinar unha sala a exposición ou centro de interpretación da contorna. Así mesmo, realizarase un tratamento de limpeza, amaño e reparación das obras de fábrica da edificación do posto de mando, así como do resto de locais, comunicacións e corredores.

Outras das actuacións contempladas son o arranxo dos edificios integrantes no conxunto, a ordenación e amaño das zonas verdes da contorna, a creación de itinerarios debidamente sinalizados e a posta en marcha dunha estrutura informativa sobre o Plan de 1926, ao que pertenceu o posto de mando, a través de paneis, códigos QR e aplicacións de móbil. Ademais, estudarase unha proposta sobre a posibilidade de darlle ao búnker e ao túnel un futuro uso museístico sobre a historia das baterías da costa.

O convenio para a actuación en Monte Ventoso únese, desta maneira, aos dous proxectos iniciais para intervir tamén nas baterías Ares (Bailadora) Valdoviño (Campelo), dous concellos cos que o pasado 10 de xaneiro a Deputación da Coruña firmou os documentos que regulan a encomenda da xestión para a redacción do proxecto e a execución das obras.

O orzamento total das intervencións de Ares, Valdoviño e Ferrol suman máis de 1 millón de euros. Por unha banda, a revalorización da batería de Bailadora de Ares conta cun investimento inicial de 355.242,60 euros para a redacción e a execución dos primeiros proxectos. Por outra, a redacción dos plans de traballo iniciais e a súa execución na batería de Campelo, en Valdoviño, dispón de 266.177,40 euros. A estes fondos súmase agora os 432.780 para a intervención en Monte Ventoso (Ferrol):

A maiores deste millón de euros, a Deputación da Coruña obtivo outros 2 millóns máis do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia do Goberno de España para desenvolver o Plan de Sustentabilidade Turística (PSTD) das baterías de defensa de Ferrolterra. Esta concesión avala e reforza o proxecto da entidade provincial para a rehabilitación das baterías de defensa da costa de Ferrolterra e a súa dinamización como destino turístico sustentable e que xerará novas oportunidades económicas no territorio.

Entre as propostas de actuacións a desenvolver no PSTD inclúese obras para a recuperación do observatorio meteorolóxico de Monte Ventoso, a creación do aparcadoiros disuasorios no acceso ás baterías, a adecuación do firme de acceso ás baterías militares con zona para peóns e ciclistas, a sinalización de camiños ciclables, a mellora do alumeado eficiente no centro histórico de Ferrol e no entorno das infraestruturas do patrimonio militar, a creación dunha páxina web e un mapa virtual cos recursos turísticos, a recuperación e limpeza do baluarte de San Xoán, o desenvolvemento de ferramentas dixitais sobre o patrimonio histórico do centro de Ferrol e as baterías militares da Costa Ártabra e a rexeneración de zonas verdes e parques públicos.