O patrimonio oral na creación musical contemporánea, a debate na 19ª cita das xornadas ‘A cultura é un dereito’
'Traducir a tradición' vaise celebrar do 19 ao 21 de marzo na sede Noroeste da SGAE, en Santiago de Compostela, onde se reunirán Xabier Díaz, Aitana Cuétara, Ania González, Xulia Feixóo, Francesc Viladiu, Quique Peón, Gabi Reboredo, Concha Losada, Rubén Troitiño e Ramom Pinheiro, entre outros nomes destacados da música, a etnografía, a docencia o dereito ou a antropoloxía
A inscrición para participar nas diferentes actividades pode realizarse ata o 18 de marzo en aculturaeundereito.gal

A necesidade de definir un protocolo ou manual de boas prácticas legal, ético e de xestión para o tratamento dos arquivos e das persoas implicadas neles, será o fío condutor de 'Traducir a tradición', décimo novena cita das xornadas 'A Cultura é un dereito', organizadas pola área de Cultura da Deputación da Coruña. Celebrarase do 19 ao 21 de marzo na sede Noroeste da SGAE, en Santiago de Compostela, onde se reunirán Xabier Díaz, Ania González, Xulia Feixóo, Francesc Viladiu, Quique Peón, Gabi Reboredo, Concha Losada, Rubén Troitiño e Ramom Pinheiro, entre outros nomes destacados dos eidos estatais da música, a etnografía, a docencia o dereito ou a antropoloxía.
A música, produtora e xestora cultural Aitana Cuétara será a comisaria dun ciclo co que colabora o proxecto 'O que non se escribe' e que, segundo a deputada de Cultura, Natividade González, "quere colocar o noso patrimonio oral, os saberes comunais transmitidos de xeración e xeración, construídos colectivamente, na creación musical contemporánea, con todo o que isto implica en canto a distribución, visibilidade e comercialización". "Porque é evidente", engade, "que hai un debate aberto sobre a propiedade e o recoñecemento de toda a cadea, pero tamén sobre a xestión emocional deste momento histórico que estamos a vivir en torno á música tradicional".
Para González, a xornada "é unha oportunidade única para reflexionar sobre o valor do patrimonio oral como alicerce fundamental da nosa identidade colectiva, pero tamén sobre a necesidade de reinterpretalo desde unha perspectiva contemporánea". "Con esta nova cita de 'A Cultura é un dereito', apostamos por crear espazos que fomenten o diálogo entre a memoria e as canles máis novas para mantela viva".
A asistencia aos relatorios, mesas redondas e visitas guiadas que completan o programa —ao Arquivo Sonoro de Galicia, do Consello da Cultura Galega, e ao Arquivo do Patrimonio Oral da Identidade, do Museo do Pobo Galego— é de balde, con inscrición previa, que se poderá formalizar co formulario habilitado na web das xornadas (aculturaeundereito.gal), ata as 16 horas do 18 de marzo
Programa
MÉRCORES, 19
16.30 h. Acreditación dos participantes e benvida. Natividade González e Aitana Cuétara, deputada de Cultura e comisaria das xornadas.
17 h. Apertura da xornada. Antía Vázquez e Pedro García (pandeireteiras).
17.30 h. Presentación. Manual de boas prácticas: marco legal e proposta de xestión da música de tradición oral. Ania González (avogada) e Xulia Feixóo (etnomusicóloga).
18.30 h. Mesa redonda: Manual de boas prácticas: marco legal e proposta de xestión da música de tradición oral. Modera: Aitana Cuétara.
Jaume Ayats. Profesor de etnomusicoloxía na Universidade Autónoma de Barcelona.
Ramom Pinheiro. Editor en aCentral Folque.
Adrián Méndez. Músico en De Ninghures.
Ania González. Avogada.
Xulia Feixóo. Etnomusicóloga.
*Actividade complementaria. 12 h. Visita guiada ao Arquivo Sonoro de Galicia, do Consello da Cultura Galega (Cidade da Cultura), con Cristina Pujales.
XOVES, 20
16.30 h. Apertura da xornada. Carme e Uxía da Pontragha (pandeireteiras).
17 h. Conversa. Cultura local no mundo global: xestión emocional da chegada da música de tradición oral ao mainstream. Raúl Rodríguez (músico e antropólogo) e Rafael Quintía (antropólogo).
19 h. Conversa. Boas prácticas no traballo de campo: ética e coidado no trato coas informantes. Xulia Feixóo e Guillerme Ignacio (Arredor da Tradición).
*Actividade complementaria. 12 h. Visita guiada ao Arquivo do Patrimonio Oral da Identidade (Museo do Pobo Galego), con Concha Losada.
VENRES, 21
16.30 h. Apertura da xornada. Gabi Reboredo (pandeireteiro).
17 h. Presentación. Càntut. Cançons de tradició oral. Francesc Viladiu (co-director de Càntut).
17.30 h. Mesa redonda: Metodoloxía e xestión dos arquivos da música de tradición oral. Modera: Marián Fernández.
Concha Losada. Arquivo do Patrimonio oral da identidade.
Quique Peón. Compilador e mestre.
Rubén Troitiño. Músicas da Terra de Montes.
Francesc Viladiu. co-director de Càntut.
19 h. Presentación. Cancioneiro galego serodio (1989-2012). Xabier Díaz (compilador e músico).