Estás en:Novas

A Mariña da Coruña acolle a exposición ‘Non Calarás’, gañadora do premio Luísa Villalta a proxectos pola igualdade no ano 2024

A inauguración da mostra, organizada pola AC Alexandre Bóveda, tivo lugar esta mañá a cargo da deputada de igualdade, Soledad Agra, e a presidenta da Asociación Cultural, María Xosé Bravo

O obxectivo é visibilizar, a través dunha serie de paneis instalados na Mariña, entre a traseira da Autoridade Portuaria e Palexco, o papel histórico das mulleres no movemento obreiro e asociativo e nas reivindicacións sociolaborais

A Mariña da Coruña acolle a exposición ‘Non Calarás’, gañadora do premio Luísa Villalta a proxectos pola igualdade no ano 2024

A exposición "Non calarás", da AC Alexandre Bóveda e gañadora do certame Luísa Villalta a proxectos pola igualdade de 2024, convocado pola área de igualdade da Deputación, inaugurouse esta mañá na Mariña, entre a traseira da Autoridade Portuaria e Palexco. A deputada de igualdade, Soledad Agra, e a presidenta da Asociación Cultural, María Xosé Bravo, foron as encargadas da posta de longo desta mostra que plasma sobre unha serie de paneis diferentes loitas históricas das mulleres, acompañadas do presidente da Autoridade Portuaria da Coruña, Martín Prado e de Carmela Galego, directiva de Alexandre Bóveda.

"Estamos ante un percorrido pola memoria desas mulleres que loitaron por un mundo máis xusto, que traballaron colectivamente ata conseguir logros que hoxe damos por feitos, pero que son moi fáciles de perder a pesar de ser tan difíciles de acadar" sinalou a deputada de igualdade, Soledad Agra, que tamén puxo en valor o traballo da AC Alexandre Bóveda nesta iniciativa "que forma parte dun proxecto máis amplo, que inclúe tamén un libro, e que parte dunha importante investigación arredor das loitas das mulleres nesta cidade".

A deputada referiuse aos premios Luísa Villalta, sinalando que "foron precisamente creados para recoñecer, e apoiar economicamente, a entidades e persoas que desenvolvan proxectos que poñan en valor o papel histórico, económico, social e cultural das mulleres", polo que "esta exposición que hoxe se inaugura é unha merecedora gañadora, pois permitirá a calquera persoa que pasee por este espazo marabilloso da cidade, coñecer máis das mulleres que fixeron a historia da Coruña. Mulleres que representaron colectivos de traballadoras que foron motor económico da cidade. Mulleres que encabezaron folgas, revoltas e protestas para defender o seu posto de traballo e os seus dereitos laborais, e que foron esquecidas pola historia, anónimas, invisibles nos libros e nas crónicas".

A presidenta da AC Alexandre Bóveda, María Xosé Bravo, explicou que "queremos contar a historia das mulleres que loitaron polos seus dereitos, a través de folgas, motíns... Porque antes ca nós, outras mulleres xa pelexaron para que hoxe teñamos os dereitos que temos e debemos seguir sempre alerta para non perder ningún dos dereitos adquiridos". María Xosé Bravo sinalou que se trata de "historias agochadas, porque parece que a historia oficial está escrita sobre omisións e é necesario contalas", e tamén agradeceu á Deputación o "traballo" xa que "sen el, e sen os premios Luísa Villalta, este proxecto non sería posible".

'Non calarás' é un proxecto historiográfico da Asociación Cultural Alexandre Bóveda de recuperación da memoria das mulleres cunha clara perspectiva feminista, que abarca diversos ámbitos de traballo (investigación, divulgación, exposición, publicación e rutas) que se pode visitar ata o día 17 deste mes.