A MICE celebra, co apoio da Deputación, vinte anos de compromiso co cinema etnográfico
Do 12 ao 16 de marzo, a Mostra organizada polo Museo do Pobo Galego programa medio cento de filmes, encontros con cineastas e actividades para profesionais e escolares
Na presentación hoxe da programación, a deputada de Cultura, Natividade González, reafirmou o aval da administración provincial "para contribuír a que sexan realidade iniciativas coma esta, que poñen en valor a nosa identidade, cultura, historia e memoria"

Esta mañá presentouse no Museo do Pobo Galego a vixésima edición da Mostra Internacional de Cinema Etnográfico, organizada polo museo compostelán co apoio, un ano máis, da Deputación da Coruña. Na rolda de prensa participou a deputada de Cultura, Natividade González, a quen acompañaron a da directora da Mostra, Ana Estévez; a presidenta do Padroado do Museo do Pobo Galego, Concha Losada; a autora da imaxe e da peza de autor da 20 MICE, Mirian Opazo; a concelleira responsable de Capital Cultural de Santiago de Compostela, Míriam Louzao, e o director da Axencia Galega das Industrias Culturais da Xunta de Galicia, Jacobo Sutil.
A MICE celebrará do 12 ao 16 de marzo o seu vinte aniversario con medio cento de proxeccións, actividades paralelas e programación para escolares e profesionais. A Mostra reunirá en Compostela a cineastas, antropólogos e público xeral nunha cita que suma dúas décadas de compromiso coa divulgación cultural, coa creación de espazos de diálogo entre o cinema, a etnografía e a antropoloxía e coa promoción de novas miradas sobre a realidade social. Unha traxectoria avalada polos case 800 cineastas e profesionais do cinema e ao redor de 20 000 persoas que participaron na MICE nestes vinte anos.
Na súa intervención, Natividade González deulle os parabéns á organización "polo traballo non só nesta edición, senón ao longo de dúas décadas nas que a Mostra se converteu nunha cita que xa é de referencia internacional".
"O cinema", afirmou a deputada, "é esa linguaxe universal capaz de facernos reflexionar, conectar, emocionar e aprender". "Por iso", engadiu, "para a área de Cultura da Deputación supón un auténtico orgullo colaborar cun proxecto coma este, que é un proxecto de país".
González referiuse ao "importante investimento económico" que fai a administración provincial, "co firme compromiso de apoiar as entidades, neste caso o Museo do Pobo Galego, para que poidan levar a cabo iniciativas coma a que hoxe nos reúne nesta espazo tan querido para min e para a Deputación e que poñen en valor a nosas identidade, cultura, historia e memoria. E tamén o noso talento, cunha programación de primeiro nivel que vai máis alá do cinema para prestar atención a movementos sociais políticos e éticos de verdadeira transcendencia, caso do feminismo ou a ecoloxía".
Para a deputada, "a cultura é un medio para a transformación, o coñecemento e a celebración da nosa identidade; ese é o compromiso da Deputación da Coruña e esa é tamén a esencia desta cita".