Estás en:Novas

Regueira destaca en Biocultura o traballo da Reserva da Biosfera e do persoal técnico das oficinas de turismo do territorio

O vicepresidente e deputado de turismo participou no acto de de recoñecemento e entrega de diplomas ás oficinas de información turística, museos, centros de interpretación e novas empresas certificadas na Marca de Calidade da Reserva de Biosfera Mariñas Coruñesas 2025

"Entre todas as administracións estamos facendo unha gran labor polo turismo de Galicia, e a Reserva é o mellor exemplo", sinalou. "Este destino deu un paso máis, e hoxe está certificando empresas de turismo sustentable. Algo que é fundamental xa que sen empresas e negocios o turismo non ten sentido" sinalou Regueira

Regueira destaca en Biocultura o traballo da Reserva da Biosfera e do persoal técnico das oficinas de turismo do territorio

O vicepresidente, Xosé Regueira, participou onte no acto da Reserva da Biosfera en Biocultura, onde se entregaron os diplomas ás oficinas de información turística, museos, centros de interpretación e novas empresas certificadas na Marca de Calidade da Reserva de Biosfera Mariñas Coruñesas do 2025. Regueira puxo en valor o traballo da Reserva "un destino que atesoura moi boas prácticas e que evolucionou exponencialmente nos últimos anos".

"Entre todas as administracións estamos facendo unha gran labor polo turismo de Galicia, e a Reserva é o mellor exemplo", sinalou. "Este destino deu un paso máis, e hoxe está certificando empresas de turismo sustentable. Algo que é fundamental xa que sen empresas e negocios o turismo non ten sentido" engadiu Regueira.

O vicepresidente tamén recoñeceu que "é un orgullo ver ao persoal técnico das oficinas de turismo que subvencionamos dende a Deputación recollendo estes diplomas" e destacou o seu traballo, "altamente profesional e calificado, que nos fai máis competitivos nun mercado tan complicado como é o do turismo". Regueira concluíu afirmando que é "unha honra" apoiar a entidades como a Reserva, "que o fan tan ben" e aseguran "a boa saúde da provincia e do país" e apuntou, ademais, que a Reserva "é un exemplo para todos os entes de xestión".

Un total de 11 centros de información turística e 4 empresas dos 17 concellos da Reserva recibiron os distintivos por parte do vicepresidente, Xosé Regueira; o presidente da Reserva, José Antonio Santiso Miramontes, o vicepresidente Alberto Platas e a directora de Promoción da Axencia de turismo de Galicia, Carme Pita. Son así 78 empresas turísticas as que forman parte da marca de Mariñas Coruñesas

O vicepresidente finalizaba, deste xeito, a primeira xornada de Biocultura, que continúa con diferentes actividades no stand de turismo da Deputación: degustacións de Cafés Lúa, Xearte Brigitte, Orballo Infusións e Lenatt Food, showcookings con André Arzúa (Espazo Abella) e A Despensa d'Lujo, e relatorios para reflexionar e promover boas prácticas en canto a nutrición, saúde e natureza.