Regueira salienta na Festa da Filloa de Lestedo a “exaltación do produto, do territorio e da cultura” que supón esta cita gastronómica
O vicepresidente, Xosé Regueira, asistiu esta mañá á súa 42ª edición, onde recibiu o mandil de honra por parte do presidente da Asociación Cultural da Filloa, José Manuel Canabal Vázquez
"A Festa da Filloa de Lestedo é capaz de preservar a nosa tradición, celebrar a nosa cultura e ensalzar a nosa gastronomía e os nosos produtos locais nun mesmo espazo e tempo" salientou durante a súa intervención

A Festa da Filloa de Lestedo celebra hoxe na parroquia boqueixonesa a súa 42ª edición. Unha cita gastronómica que conta co apoio da Deputación e que é "capaz de preservar a nosa tradición, celebrar a nosa cultura e ensalzar a nosa gastronomía e os nosos produtos locais nun mesmo espazo e tempo".
O vicepresidente, Xosé Regueira, asistiu á celebración, que comezou co VIII Gran Desfile Intermunicipal de Xenerais da Ulla, continuando co pregón e o Atranque dos Xenerais da Ulla, onde Regueira recibiu o mandil de honra das mans do Presidente da Asociación Cultural da Filloa, José Manuel Canabal Vázquez.
Regueira salientou durante a súa intervención a "traxectoria" desta festa, "de máis de 40 anos de evolución, profesionalización e por suposto, celebración, poñendo en valor un produto como a filloa que é sinónimo de identidade e territorio". Neste sentido, o vicepresidente sinalouq que a filloa "é moito máis que un producto; é marca país. Comer unha filloa implica tradición, celebración, e por suposto, gastronomía baseada nos produtos locais".
Sobre a Festa da Filloa
A Festa da Filloa de Lestedo é unha exaltación gastronómica e cultural, cuxo día grande celébrase o Domingo de Piñata na localidade de Lestedo (Boqueixón). Esta cita, declarada Festa de Interese Turístico Nacional no 2024, pon o broche máis exquisito á época de Entroido. A Asociación Cultural da Filloa de Lestedo organiza, co apoio da Deputación, este evento, que conta coa participación de máis de 200 veciños e veciñas da parroquia.