Formoso presenta á conselleira de Política Social o novo modelo de residencias para maiores da Deputación da Coruña
O novo modelo de residencias que impulsa a Deputación contará con centros piloto nas Pontes, Rianxo e Ordes
Agradece a "total colaboración" da Xunta de Galicia, que facilitará a tramitación administrativa dos centros e mostra a súa disposición a concertar prazas nas novas residencias da Deputación
Os centros estarán baseados nun modelo innovador con residencias pequenas e próximas, con atención personalizada, incorporación de novas tecnoloxías e convivencia interxeracional

O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, reuniuse esta mañá en Santiago coa conselleira de Política Social e Igualdade da Xunta de Galicia, Fabiola García, para presentarlle o novo modelo de residencias públicas para maiores que a institución provincial impulsa nos concellos das Pontes, Rianxo e Ordes. Trátase dun modelo innovador que aposta por centros de menor capacidade, cunha atención máis personalizada, o uso de novas tecnoloxías e a convivencia interxeracional.
Na reunión, celebrada este luns en San Caetano, Formoso e a deputada provincial responsable de Política Social, Mar García Vidal, explicaron á conselleira os detalles desta iniciativa pioneira, "que busca evitar o desarraigo e a soidade das persoas maiores, ofrecéndolles un entorno residencial máis amable e acolledor, semellante ao fogar", explicou o presidente. Ademais, subliñou que este modelo aposta por unha atención centrada na persoa, incorporando tecnoloxías como a domótica, a telemedicina e sistemas de rehabilitación cognitiva e física.
"Colaboración total" da Xunta de Galicia
"Queremos crear unha rede provincial de residencias adaptadas ás necesidades reais das persoas maiores, con dous piares fundamentais: a innovación e unha atención máis próxima e humana", destacou Formoso, que agradeceu a "colaboración total que nos ofreceu a conselleira de Política Social, tanto para facilitar a tramitación administrativa do proxecto como para o mantemento dos centros, xa que a Xunta de Galicia está disposta a contar con prazas concertadas nas residencias que impulse a Deputación da Coruña, o cal é unha excelente noticia para seguir avanzando neste proxecto", explicou o presidente.
A conselleira de Política Social, Fabiola García, agradeceu a súa disposición e puxo en valor a vontade da Deputación da Coruña "para crear recursos de atención á dependencia, responsabilidade de todas as administracións".
O primeiro dos centros abrirase nas Pontes, onde se testará este novo concepto de residencia pública, con espazos e actividades abertos á comunidade para fomentar a convivencia entre xeracións. O proxecto inclúe a colaboración con entidades locais, centros educativos e familias para evitar o illamento das persoas maiores.
A Deputación da Coruña aposta por un modelo de atención de "quinta xeración", inspirado en países nórdicos como Dinamarca ou Suecia, que supera os esquemas tradicionais das residencias e promove a autonomía e o benestar dos usuarios e usuarias.