Estás en:Novas

Formoso cualifica a humanización da Avenida das Pías, en Ferrol, como “a oportunidade de futuro coa que os barrios levaban soñando 25 anos”

O presidente da Deputación da Coruña acudiu a posta en servizo do primeiro treito das obras, que permitirán conectar os barrios de Recimil, Ultramar, Caranza, Bertón e Esanches, potenciando un modelo de mobilidade sostible

As actuacións, cun investimento total de preto de 11 millóns de euros, están financiadas polo Ministerio de Fomento, a quen o presidente agradeceu os traballos nas tres cidades da provincia "en lugares tan estratéxicos como son os seus accesos"

Formoso cualifica a humanización da Avenida das Pías, en Ferrol, como “a oportunidade de futuro coa que os barrios levaban soñando 25 anos”

O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, asistiu esta mañá á inauguración para a posta en servizo do primeiro treito das obras de humanización da Avenida das Pías, no municipio de Ferrol. Fíxoo acompañando ao delegado do Goberno en Galicia, Pedro Blanco, á subdelegada do Goberno na Coruña, María Rivas, a delegada territorial da Xunta, Martina Aneiros, e o alcalde do Concello de Ferrol, José Manuel Rey Varela.

Estas actuacións pretenden eliminar as barreiras na mobilidade que xeraba a autovía urbana FE-14 entre os barrios de Recimil, Ultramar, Caranza, Bertón e Ensanches e, así, potenciar a mobilidade sostible e mellorar de xeito notable a calidade de vida da veciñanza.

"É unha moi boa nova para lugares que precisan destas oportunidades de futuro, como son Recimil, as vivendas de Tejeras e a unión de todos os barrios que se concentran nesta avenida que levaba soñando con cambios desde hai 25 anos", apuntou o presidente provincial, para quen o fundamental "traballo entre as distintas administracións que en Ferrol e na provincia sempre é un exemplo" xera unha mentalidade froito da que xurdiron estes traballos, "a maior obra de humanización do Goberno de España que se está a acometer no país agora mesmo".

Por todo isto, Formoso asegurou "celebrar e agradecer que o Ministerio de Fomento estea actuando nas tres cidades da provincia en lugares tan estratéxicos como son os seus accesos". Concretamente, focalizou estes traballos na "demandada ampliación da Avenida de Alfonso Molina da Coruña" e "en Santiago, coa chegada da A-54 que une con Lugo e co orbitaliño que conecta a AP-9 co Polígono do Tambre", ademais da citada actuación en Ferrol.

Pola súa banda, o delegado do Goberno, Pedro Blanco, sinalou que esta apertura é a primeira do compromiso integral adquirido polo Goberno coa veciñanza dos barrios que rodean a esta nova avenida, "un reto sen precedentes e exemplo de integración urbana". Así mesmo, apuntou a esta xestión da obra como o exemplo de como se deben afrontar proxectos que inciden directamente na vida das persoas: "De forma integral e en cooperación permanente coa veciñanza e cos gobernos locais, consensuando cada avance e facéndoo sempre con diálogo e con transparencia".

Pedro Blanco cifrou en 5.000 millóns de euros os investimentos procedentes do Goberno e que están a facer de Ferrol "unha cidade mellor". Ademais, asegurou que esta cifra corrixe o "inxustificable déficit de investimentos públicos" que sufriu a cidade en lexislaturas pasadas. "Estamos actuando en todas a frontes, o naval, as infraestruturas, no patrimonio histórico e no turismo", co obxectivo de "mellorar a vidas das persoas", engadiu o delegado.

Un proxecto en dúas fases

O proxecto está dividido en dous treitos, que suman un investimento de preto de 11 millóns de euros. O primeiro, que hoxe se puxo en servizo, abrangue do punto quilométrico 0,000 ao 0,600 e trátase do que está máis próximo ao centro da cidade, entre a Praza da Porta Nova e a glorieta de conexión coa FE-11, entre os barrios de Recemil, Ultramar e Caranza.

Deste xeito, a autovía urbana pasa a ser agora unha nova avenida humanizada que acaba coas ligazóns e cruces a distinto nivel que existían no pasado. Esta transformación mellora a accesibilidade aos barrios e a conexión entre eles, reordena os tráficos rodados e peonís, mellora a seguridade viaria e reformula a súa contorna a través dun proceso de integración na cidade e de utilidade dos espazos públicos, xa que agora aparecen novos itinerarios peonís e ciclistas, prazas de aparcadoiros e superficies para zonas verdes.

Tras esta primeira actuación, actuarase no segundo treito, do punto quilométrico 0,600 ao 1,100.