A deputada de Política Social, Mar García, asiste á inauguración da primeira tenda de segunda man de Cáritas en Ferrol
Moda Re promove a inserción laboral de persoas en risco de exclusión social a través da recollida, reciclaxe e venda de roupa usada

A deputada de Política Social da Deputación da Coruña, Mar García, asistiu hoxe á inauguración da primeira tenda de segunda man de Cáritas na zona de Ferrol, situada no centro comercial Odeón. A iniciativa busca fomentar a economía social e a reutilización de produtos, ademais de ofrecer oportunidades de inserción sociolaboral a persoas en situación de vulnerabilidade.
Durante o acto, Mar García destacou a importancia deste proxecto para a inclusión social e a sustentabilidade. "Este tipo de iniciativas non só contribúan á integración de colectivos en risco de exclusión, senón que tamén promoven un consumo responsable e a redución de residuos", sinalou.
A tenda de Cáritas en Odeón ponse en marcha co obxectivo de dar unha segunda vida a roupa, complementos e outros obxectos, ofrecendo artigos a prezos accesibles e promovendo a economía circular. Ademais, conta cun programa de formación e emprego para persoas en risco de exclusión social, brindando unha oportunidade de desenvolvemento profesional e persoal.
A Deputación da Coruña mantén un firme compromiso co apoio a entidades sociais como Cáritas, colaborando en iniciativas que favorezan a igualdade de oportunidades e o benestar da cidadanía.
O evento contou coa presenza de representantes de Cáritas, responsables do centro comercial e membros da sociedade civil, que destacaron a importancia de apostar por modelos de consumo máis solidarios e respectuosos co medio ambiente.