Estás en:Novas

A Deputación celebra con éxito a terceira edición da xornada "Erros x Aprendizaxes" co apoio do Clúster do Ecommerce Galego

A inauguración contou coa presenza de Xosé Regueira, vicepresidente da Deputación e do presidente do Clúster, Xosé Luis Reza

A xornada aborda os retos e desafíos do comercio electrónico, analizando os erros comúns para optimizar estratexias e potenciar o desenvolvemento das empresas galegas do sector

A Deputación celebra con éxito a terceira edición da xornada

A Deputación impulsou hoxe en Palexco a terceira edición da xornada "Erros x Aprendizaxes", un evento consolidado que pon o foco nos erros cometidos na xestión do comercio electrónico como ferramenta clave para a aprendizaxe e o crecemento dos negocios en liña. A inauguración do evento contou coa participación de Xosé Regueira, vicepresidente da Deputación e responsable da área de Promoción Económica e Turismo, e de Xosé Luis Reza, presidente do Clúster do Ecommerce Galego.

O vicepresidente, Xosé Regueira, destacou durante a súa intervención a necesidade de "apoiar o sector do comercio electrónico dende as administracións públicas" e "axudar as persoas que emprenden no ámbito dixital, que se atopan con múltiples trabas e complicacións que afrontar".
Regueira fixo referencia a "retos importantes como a loxística, a fidelización, a intelixencia artificial..." e tamén "ao dos aranceis como consecuencia do panorama actual de comercio internacional". "A situación actual é especialmente preocupante, dunha enorme incerteza ante o que está por vir. Por iso, encontros como este son fundamentais para xuntar ao sector, para que saiades reforzados e para que a administración que sexa próspera e frutífera.

Pola súa banda, Xosé Luis Reza destacou a importancia de compartir erros e aprendizaxes dentro do sector: "O comercio electrónico non é tan sinxelo como moitas veces se pensa. Empreender neste sector require esforzo, estratexia e resiliencia. É por iso que eventos coma este son fundamentais, xa que permiten que os profesionais aprendan dos erros doutros e eviten caer nas mesmas trampas". Tamén resaltou o papel do Clúster do Ecommerce Galego como un espazo para reducir a curva de aprendizaxe e mellorar a competitividade das empresas galegas no ámbito dixital.

A xornada reuniu a destacados profesionais do comercio electrónico e do marketing dixital, quen compartiron os seus erros e aprendizaxes a través de relatorios e casos prácticos. Entre os relatores deste ano estiveron Sara Torreiro (Granxa de Xanceda), Yago Fernández (Cero de Costa), Iván Expósito (Dinahosting), Alfonso Martínez (Accesibilidade Web), Miguel Ángel Vilariño Fuentes (Correos), Carlos Martínez (Ecoballution), Rodrigo Varela (El Amasadero), Carla García (Motive.co), Lorena García (Pets & Vets) e Josep Casas (Food for Joe), entre outros.
Ademais dos relatorios individuais, a xornada incluíu espazos para o networking e o intercambio de experiencias entre asistentes e relatores, fomentando un espazo de aprendizaxe mutua e colaboración.

O evento, organizado pola Deputación da Coruña en colaboración co Clúster do Ecommerce Galego, reafírmase como un punto de encontro imprescindible para os profesionais do sector, impulsando a transformación dixital e a mellora continua das empresas galegas de comercio electrónico