A Imprenta e Libraría de D. Domingo Puga
Cada semana destacamos unha das obras da mostra bibliográfica "Notas para unha edición coruñesa: arredor de 180 anos de edición na provincia". Unha selección de obras de editoras da provincia publicadas dende o ano de fundación da biblioteca ata a actualidade.

Na Biblioteca estamos de estrea, xa que temos unha nova mostra bibliográfica, "Notas para unha edición coruñesa: arredor de 180 anos de edición na provincia", na que atoparedes unha selección de obras de editoras da provincia publicadas dende o ano de fundación da biblioteca ata a actualidade. Por este motivo queremos destacar semanalmente un libro da mostra a través das nosas redes. Unha serie de publicacións, en forma de notas, sobre a edición no noso territorio.
Hoxe queremos falar da obra máis antiga que podedes atopar exposta, xa que foi publicada en 1845, ano que nace a #BPDC: Historia y descripción de la ciudad de La Coruña é unha das primeiras crónicas da cidade da Coruña, por este motivo espertou bastante interese na localidade no seu momento. O seu autor é Enrique de Vedía y Goossens (o gobernador civil da cidade) e foi publicada pola Imprenta e Libraría de D. Domingo Puga.
O pouco que sabemos desta imprenta coruñesa é que o seu dono -o impresor e editor Domingo Puga- era orixinario de Padrón e que se trasladou a Coruña onde abriu unha librería na que, máis tarde, incorporaría unha imprenta e unha litografía. Tal como aparece anunciada na prensa da época, temos que pensar nun negocio máis ben xeneralista, onde podías mercar un Burdeos, algún xeado e un bo libro!
O que temos claro é que, ademais de publicar monografías, foi un importante taller de prensa de mediados do século XIX, responsable de títulos como La Ilustración de La Coruña. Algo que ten relación con ser un dos primeiros en usar o sistema Marinoni para imprimir en Galicia, un dos primeiros pasos cara a rotativa.
Don Domingo Puga é un dos nosos percusores, un dos primeiros que a través da imprenta abren camiños na historia da edición.