A deputada de cultura destaca a “oferta cultural” de Carral, que presenta hoxe os resultados da súa programación de 2024
A Casa da Cultura acolleu unha presentación na que se avaliaron os datos acadados o ano pasado, que contou coa participación do alcalde, Javier Gestal, a deputada de Cultura, Natividade González, e o técnico municipal da área, Carlos Lorenzo
A deputada puxo en valor a programación cultural de Carral "formada nun 80% por espectáculos da Rede Cultural", o que, salientou "reafirma que a nosa aposta polo dereito á cultura é clave para os concellos da provincia

A Casa de Cultura de Carral acolleu hoxe a presentación dos resultados da súa actividade cultural en 2024. A deputada, Natividade González, participou no acto, acompañada do alcalde, Javier Gestal, e o técnico de cultura, Carlos Lorenzo, onde destacou a "gran oferta cultural" de Carral, "que ten moito que ver co modelo que defendemos dende a área de cultura da Deputación, que pasa pola firme defensa de que 'A cultura é un dereito' para a veciñanza de cada un dos 93 concellos da provincia".
O programa de Carral en 2024, "formado nun 80% por espectáculos da Rede Cutural", tal e como sinalou a deputada, incluíu actividades de distintos xéneros e destinadas a varias franxas de idade. Proxeccións audiovisuais, actividades de animación infantil, teatro, danza, poesía, exposicións... Un total de 4.000 persoas participaron nas 73 iniciativas organizadas, "o mellor exemplo do éxito que a política cultural que promovemos dende a Deputación supón para os concellos e por suposto para a veciñanza".
Neste sentido, a deputada puxo en valor a Rede Cultural, "mostra do noso compromiso coa cooperación no territorio cos concellos e co tecido asociativo". Cerca de 3.000 propostas culturais chegan cada ao anos 93 concellos da provincia incluíndo música, artes escénicas, danza ou narración oral. "Trátase da maior rede cultural de Galicia, e dun elemento de máxima relevancia para o sostén económico das compañías de teatro e dos artistas musicais do país" apuntou a deputada, que salientou tamén o orzamento de "tres millóns de euros anuais" destinados a cofinanciar todas estas actividades entre Deputación e Concellos.