O Isaac Peral, o submarino máis moderno da Armada española, atraca en Ferrol
O presidente da Deputación, o delegado do Goberno e o almirante do Arsenal, entre outras autoridades, visitaron a nave esta mañá

O submarino Isaac Peral atracou esta mañá no Arsenal Militar de Ferrol, no marco da súa primeira navegación nacional. Durante a súa estancia, será visitado polo alumnado das escolas de especialidades da Armada, que poderán coñecer de preto a súa avanzada tecnoloxía.
O acto contou coa presenza do presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso; do delegado do Goberno en Galicia, Pedro Blanco; da subdelegada do Goberno na Coruña, María Rivas; do almirante xefe do Arsenal Militar de Ferrol, Gonzalo Villar; do delegado de Defensa en Galicia, Jesús Ángel Paz; do director do estaleiro de Navantia en Ferrol, Eduardo Dobarro; da vicerreitora do Campus de Ferrol, Ana Ares; e do capitán marítimo de Ferrol, Jorge Cao, entre outras autoridades.
O Isaac Peral é o submarino máis moderno co que conta a Armada española e, tras as escalas en Rota, Marín e Ferrol, continuará co seu programa de navegación antes de incorporarse á súa base en Cartagena. Ademais, antes de regresar, participará no exercicio Flotex, unhas manobras anuais organizadas pola Armada para avaliar a capacidade da Forza Naval.