Estás en:Novas
FOMENTO DA LECTURA

HoxeEscriboEn_Mocidade: Relatos para viaxar polos concellos da provincia da Coruña

A Sección de Turismo e a Biblioteca Provincial da Deputación da Coruña poñemos en marcha unha edición do noso concurso de microrrelatos, nesta ocasión coa mocidade como protagonista.

HoxeEscriboEn_Mocidade: Relatos para viaxar polos concellos da provincia da Coruña

HoxeEscriboEn_Mocidade: Relatos para viaxar polos concellos da provincia da Coruña

O obxecto do concurso #HoxeEscriboEn _ Mocidade é o fomento do talento creativo, a animación á escritura e á lectura, o impulso do uso do idioma propio entre a mocidade, e a difusión do patrimonio cultural e turístico dos concellos da provincia da Coruña (axudando a sensibilizar sobre o patrimonio cultural, natural e medioambiental de cada un e a importancia de preservalo).

Para iso, a Biblioteca Provincial xunto coa Sección de Turismo da Deputación da Coruña, convocan un concurso de microrrelatos inspirados na provincia da Coruña e orientados á mocidade da provincia da Coruña.

Accede ás Bases completas aquí: BOP. Bases da I Edición do Concurso HoxeEscriboEn_Mocidade 2025

Participación

Poderá participar o alumnado matriculado no curso 2024–2025 na ESO, Bacharelato ou Ciclos Formativos de Grao Medio e Grao Superior, pertencente ao Sistema Educativo Galego e situados na provincia da Coruña.

A participación será individual e cada persoa poderá presentar un único microrrelato.

Formato

Os microrrelatos presentados ambientaranse ou referiranse a un concello da provincia da Coruña, non sendo necesario que o autor ou autora teña vínculo directo con el.

Os microrrelatos poderán estar relacionados coa historia local, lendas propias, tradicións do pobo, persoeiros destacados, valores positivos do concello, a riqueza natural, cultural ou medioambiental, ou calquera outro aspecto que axude a resaltar o patrimonio do concello.

Deberán estar escritos en galego, ser inéditos e non ter sido premiados en ningún outro concurso.

O texto terá unha extensión máxima de 500 palabras.

Forma de presentación e envío dos microrrelatos

  • A presentación dos relatos farase a través dun formulario web que estará dispoñible en https://dacoruna.gal/biblioteca/actividades/concur/consurso-hoxeescriboen
  • Cada participante enviará, xunto co microrrelato, a seguinte información: nome e apelidos, curso e nome do centro educativo desde o que participa, concello da provincia no que se ambienta o relato, teléfono de contacto e enderezo postal.
  • As persoas menores de idade deberán acompañar o microrrelato dunha autorización do pai, nai ou titor/a legal.

Prazo de presentación

O prazo de presentación dos microrrelatos será dun mes dende o día seguinte da publicación das bases no BOP. Así pois, do 20 de marzo ao 20 de abril.

Non se considerarán microrrelatos presentados fóra de prazo.

Premios

Para favorecer a participación e unha xusta valoración dos microrrelatos procedentes de diferentes idades e/ou distintos graos de madurez, establécense as seguintes categorías:

  • CATEGORÍA A: Alumnado de primeiro e segundo da ESO
  • CATEGORÍA B: Alumnado de terceiro e cuarto da ESO
  • CATEGORÍA C: Alumnado de Bacharelato
  • CATEGORÍA D: Alumnado de Ciclos Formativos de Grao Medio e Superior

Outorgaranse dous premios por categoría e un premio final.

Os premios por categoría serán:

Catro bonos culturais: un por cada persoa gañadora en cada unha das categorías, por valor de 100€ cada un deles.
Catro saídas culturais: unha saída cultural dirixida ao conxunto da aula de cada unha das persoas gañadoras consistente nunha saída dunha xornada con comida e transporte polo patrimonio da Deputación da Coruña que se determinará co centro educativo.

Entre as 4 categorías escollerase o microrrelato gañador do premio final do concurso. O premio consistirá na adaptación do relato para a realización dunha curtametraxe na que poderá participar o conxunto do alumnado do centro, cun especial papel para a persoa autora do relato.

Xurado

Os microrrelatos serán valorados por un xurado especializado, e a súa decisión será inapelable.

A valoración basearase en criterios de orixinalidade, calidade da redacción, calidade lingüística e aproximación á temática proposta nas bases primeira e terceira.

Os nomes das persoas premiadas daranse a coñecer unha vez rematado o prazo de participación.

Entrega dos premios

Os premios serán entregados por persoal da Biblioteca e da Sección de Turismo da Deputación da Coruña nos centros educativos gañadores.

No caso de non poder facerse de xeito presencial faráselles chegar mediante paquetería ou medio similar.

Dereitos e deberes

A participación no concurso leva aparellada a autorización para publicar os microrrelatos, xunto co nome e apelidos das persoas participantes, nos diferentes medios impresos e dixitais que utiliza a Biblioteca, Turismo e a Deputación da Coruña; incluídas as redes sociais.

A Deputación resérvase o dereito a facer uso das obras, cedendo a autora ou autor os dereitos para que a Deputación poida empregalas para calquera campaña de sensibilización e información das actividades da Deputación da Coruña relacionadas co turismo, co patrimonio provincial e co fomento da lectura. Así mesmo, os relatos participantes serán compartidos de maneira pública na biblitoteca dixital EbiblioDaCoruna.

Os traballos presentados ao concurso de xeito incompleto, ou que non se axusten ou incumpran as bases, así como aqueles de contido inadecuado, serán excluídos.

A participación no concurso implica a aceptación total destas bases, e tamén que as persoas participantes se fan responsables da autoría e contido dos relatos, que non vulnerarán os dereitos de honra, intimidade persoal / familiar e á propia imaxe de terceiros.

Tratamento de datos persoais

En cumprimento do disposto na Lei orgánica 3/2018 e na normativa europea, os datos das persoas participantes serán incorporados a un ficheiro responsabilidade da Deputación da Coruña en relación co art. 6.1. f) do RXPD, e de acordo co disposto no artigo 22.1 da LSSI coa única finalidade de xestionar os premios desta promoción e de contactar coas persoas gañadoras.

En ningún momento se empregará esta información para ulteriores promocións.

Os autores e autoras poderán exercer os seus dereitos de acceso, rectificación, oposición e cancelación mediante escrito ao correo electrónico delegadodeprotecciondedatos@dacoruna.gal

A Deputación da Coruña comprométese a tratar en todo momento os seus datos de carácter persoal de forma absolutamente confidencial e de acordo coas finalidades establecidas nas presentes bases.