Estás en:Novas

Regueira destaca en Padrón “o gran potencial deste concello de especial relevancia turística”

O vicepresidente, Xosé Regueira, visitou o concello de Padrón, onde se reuniu co alcalde, Anxo Rei Arca

"Padrón é un concello que alberga elementos que o converten nun territorio moi interesante no escaparate turístico do país" sinalou o vicepresidente

Regueira destaca en Padrón “o gran potencial deste concello de especial relevancia turística”

O concello de Padrón acolleu a visita do vicepresidente da Deputación, Xosé Regueira, que se reuniu co alcalde, Anxo Rei Arca, para abordar diferentes cuestións relacionadas co turismo no municipio.

Regueira interesouse por algúns "elementos que Padrón alberga e que están moi relacionados coa nosa estratexia de promoción turística", facendo referencia á camelia, os pementos de Padrón, o Camiño de Santiago e a Casa de Rosalía.

"Enogastronomía, cultura, identidade, patrimonio... Padrón alberga produtos turísticos que son unha auténtica xoia, e con gran potencial para atraer a un perfil de turista que valora a calidade, por riba de todo, e a sustentabilidade, sendo respectuoso coa contorna e coa poboación local", sinalou Regueira.

Nese sentido, falou da campaña 'A paisaxe que sabe' que pon en valor o territorio a través "dos produtos, as persoas e as paisaxes". Así, "Padrón é o mellor exemplo, pois ademais da beleza das súas rúas, conta cunha importante riqueza cultural e patrimonial e tamén gastronómica, e por suposto con profesionais que están traballando no territorio, potenciando produtos como é o caso dos pementos, que xa son marca país".