Imprenta y Fotograbado de Ferrer, A Coruña (1902- 1943)
Cada semana destacamos unha das obras da mostra bibliográfica "Notas para unha edición coruñesa: arredor de 180 anos de edición na provincia". Unha selección de obras de editoras da provincia publicadas dende o ano de fundación da biblioteca ata a actualidade.

A mostra bibliográfica "Notas para unha edición coruñesa: arredor de 180 anos de edición na provincia (1845-2025)" organizada pola Biblioteca, presenta un panorama da actividade editorial levada a cabo na provincia da Coruña durante estes anos. Entre os materiais expostos, atópanse algúns de especial interese, que serán tratados en detalle a través dunha serie de publicacións que terán lugar cada semana nas Redes da Biblioteca.
Entre os precursores da edición coruñesa (vitrina 1), atópase a "Imprenta y Fotograbado de Ferrer", da cidade da Coruña. A actividade impresora deste establecemento comeza en 1883, cando Francisco Ferrer Sans e a súa nai, Niceta Sans, incorporan o servizo de imprenta ao negocio familiar, a "Papelería de Ferrer". Ao igual que acontece habitualmente cos negocios familiares, este vai pasando polas mans dos distintos sucesores que se atopan á súa fronte, ao tempo que vai incorporando novas técnicas de impresión (fotogravado, zincografía, cromotipia...), unha evolución que se irá poñendo de manifesto cos diversos cambios que vai experimentando o seu nome. Así, en 1885 fundan a imprenta "La Comercial, Establecimiento Tipográfico de la Papelería de Ferrer", que, cos anos, pasará a chamarse "Imprenta de la Viuda de Ferrer e Hijo", en referencia a Niceta Sans, e despois "Imprenta de Ferrer", entre outras denominacións.
Con todo, o apelido Ferrer adoita estar asociado ao mundo da fotografía. Isto é debido á figura de Pedro Ferrer Sans (1870-1939). Pedro Ferrer foi un recoñecido comerciante, impresor, editor e fotógrafo coruñés. Tras a morte do seu irmán Francisco, fíxose cargo en 1884 do negocio familiar, a "Imprenta y Fotograbado de Ferrer". Neste establecemento tamén ofrecía os seus servizos como fotógrafo. Entre a súa obra fotográfica destacan Por las calles, unha serie na que amosa a vida cotiá da cidade coruñesa, Vistas de La Coruña e Porfolio de Galicia. Ademais, as súas series de tarxetas postais ilustradas e fotográficas, exemplos da unión da súa actividade fotográfica e editora, tiveron grande éxito entre o público.
Á faceta editora de Pedro Ferrer débense as dúas obras seleccionadas entre as publicadas pola "Imprenta y Fotograbado de Ferrer" que se poden ver na Mostra.
A primeira delas, destaca por tratarse dunha tradución ao castelán do estudo Macias, O Namorado: a galician trobador, publicado en 1900 polo hispanista estadounidense Hugo Albert Rennert. Rennert foi profesor de linguas románicas e literatura na Universidade de Pennsylvania e membro correspondente da Real Academia Española, da Real Academia Galega e da Hispanic Society of America. O responsable da tradución, con apenas dezaoito anos, foi José Carré Alvarellos (1884-1904). Fillo do historiador e editor coruñés Eugenio Carré Aldao, José graduouse na Escola Superior de Comercio e colaborou no Diccionario Gallego-Castellano de Marcial Valladares, aportando anotacións de vocábulos e sinónimos que el mesmo recolleu. Este libro saíu do prelo trala prematura morte de José, sendo o estudo publicado con anterioridade no xornal lucense La Idea Moderna.
A segunda das obras é Los mártires de Carral, de Francisco Tettamancy Gastón. Tettamancy foi un historiador e escritor coruñés, ademais de Funcionario da Deputación Provincial da Coruña. Tamén foi membro fundador da Real Academia Gallega, correspondente da Real Academia de la Historia e da Real Academia de Bellas Artes de San Fernando e vogal da asociación rexionalista Liga Gallega na Cruña. Esta última é a organización da que parte a iniciativa de levantar o monumento Aos Mártires da Libertade en Carral, sendo o propio Tettamancy un dos seus impulsores. Esta publicación presenta un estudo histórico moi documentado da Revolta Galega de 1846. Conta con diversas ilustracións en branco e negro acompañando ao texto, algunhas delas creadas pola propia, "Imprenta y Fotograbado de Ferrer".
A "Imprenta y Fotograbado de Ferrer", con Pedro Ferrer Sans á fronte, introduce novas técnicas na impresión e na reprodución fotográfica, que, xunto a unha gran visión comercial, a converteron nunha pioneira na actividade editorial da provincia da Coruña.