Estás en:Novas

O marco legal e a xestión da música de herdanza oral centra o debate na xornada inaugural de ‘Traducir a tradición’

"Nesta décimo novena cita co programa 'A Cultura é un dereito' queremos reflexionar sobre como abordar este patrimonio desde un marco de boas prácticas legais, éticas e de xestión, garantindo a súa conservación e recoñecemento sen perder de vista a súa transformación natural", destacou a deputada de Cultura, Natividade González, na inauguración das xornadas

O marco legal e a xestión da música de herdanza oral centra o debate na xornada inaugural de ‘Traducir a tradición’

A sede da SGAE en Santiago acolle desde hoxe ata este venres 'Traducir a tradición', décimo novena xornada do programa 'A cultura é un dereito', organizado polo departamento de Cultura da Deputación. Nestes tres días, as conversas, mesas redondas e relatorios centraranse no camiño a seguir para arquivar a tradición oral e na necesidade de definir un protocolo ou manual de boas prácticas legal, ético e de xestión para o tratamento dos arquivos e das persoas implicadas neles.

A responsable provincial de Cultura, Natividade González, e a comisaria das xornadas, Aitana Cuétara, inauguraron un encontro no que as primeiras voces que se sentiron foron as da pandeireteira e o pandeireteiro Antía Vázquez e Pedro García. O programa continuou coa mesa redonda 'Manual de boas prácticas: marco legal e proposta de xestión da música de tradición oral', que moderou Cuétara e no que participaron Jaume Ayats. profesor de etnomusicoloxía na Universidade Autónoma de Barcelona; Ramom Pinheiro, editor n'aCentral Folque; Adrián Méndez, do grupo musical De Ninghures; a avogada Ania González e a etnomusicóloga Xulia Feixóo.

"Neste encontro", explicou Natividade González, "poñemos o foco nun tema crucial: o patrimonio oral na creación musical contemporánea, porque a música tradicional non é só un legado herdado, senón un material vivo que evoluciona con cada nova xeración". "O noso obxectivo nestas xornadas", engadiu, "é reflexionar sobre como abordar este patrimonio desde un marco de boas prácticas legais, éticas e de xestión, garantindo a súa conservación e recoñecemento sen perder de vista a súa transformación natural".

A necesidade de preservar, difundir e actualizar o patrimonio oral galego é unha prioridade para o departamento provincial de Cultura, segundo González: "Non só porque forma parte da nosa identidade colectiva, senón porque tamén debe ser unha ferramenta viva para a creación contemporánea".

Antes do comenzo dos debates, Cristina Pujales guiou unha visita ao Arquivo Sonoro de Galicia, do Consello da Cultura Galega; e este xoves a mediodía, tamén dentro do programa de actividades complementarias, Concha Losada acompañará as persoas que se inscribiron ao Arquivo do Patrimonio Oral da Identidade, do Museo do Pobo Galego,

Cancioneiro galego serodio (1989-2012)

Mañá e o venres as conversas e mesas redondas abordarán o impacto emocional e cultural da chegada da música tradicional ao mainstream, reflexionando sobre o equilibrio entre difusión e autenticidade; a ética e o coidado no traballo de campo, un aspecto fundamental para preservar a dignidade e o valor das fontes orais; e a metodoloxía na xestión dos arquivos da música de tradición oral, clave para garantir a súa accesibilidade e continuidade no tempo.

Actividade destacada é –o venres, ás 19 horas– a presentación Cancioneiro galego serodio (1989-2012), tributo do músico Xabier Díaz ás cantareiras e á poesía popular oral, recoñecidas esta ano co Día das Letras Galegas. O traballo inclúe una recompilación de 600 coplas, recollidas e seleccionadas por Díaz durante máis de vinte anos de investigación e traballo de campo, e complétase cunha serie de retratos de algunhas das persoas que participaron nese proceso de recuperación.