O Circo de Artesáns entrega a Manuel Rivas o premio “Coruñés do Ano”
A deputada provincial, Avia Veira, participou no acto, onde destacou o traballo da entidade, "un fervedoiro cultural polo que pasaron personalidades como Manuel Murguía, Concepción Arenal, Ortega y Gasset, Miguel de Unamuno, Castelao, Vicente Risco, Emilia Pardo Bazán, Otero Pedrayo, Sofía Casanova ... e tantas outras"
O escritor foi homenaxeado na primeira edición destes premios que naceron coincidindo co 178 aniversario da entidade

O coruñés Circo de Artesáns entregou hoxe o seu primeiro premio "Coruñés do Ano" a Manuel Rivas. Un acto organizado con motivo do 178º aniversario da entidade para recoñecer a obra dunha personalidade da cidade, e que contou coa participación da deputada provincial, Avia Veira.
Veira puxo en valor o traballo do Circo de Artesáns "unha entidade senlleira na cultura da cidade, da provincia e do país; a sociedade viva máis antiga de Galiza e un fervedoiro cultural polo que pasaron personalidades como Manuel Murguía, Concepción Arenal, Ortega y Gasset, Miguel de Unamuno, Castelao, Vicente Risco, Emilia Pardo Bazán, Otero Pedrayo, Sofía Casanova ... e tantas outras." "Por iniciativa súa construíronse monumentos a persoeiros da nova cultura instalados despois en lugares públicos, e foi berce de institucións benfeitoras. Ademais, organizou numerosas actividades culturais como exposicións, representacións teatrais, proxeccións, debates...." engadiu.
"E o mellor de toda esta historia" sinalou a deputada, "é que ten moito futuro", para posteriormente agradecer o seu traballo. "Nun mundo de individualismo extremo, atopar lugares onde pensar e escoitar é o importante, onde o común, o encontro e a entrega persoal está no centro, é verdadeiramente revolucionario".
Para pechar a súa intervención, Avia Veira parafraseou ao premiado, Manuel Rivas. "Estamos nun tempo de emerxencia no mundo. A poesía sempre foi voz de emerxencia. Estamos nun tempo de alarma, de mayday. A poesía sempre responde a un mayday. Estamos nun tempo de incerteza, nun rumbo de horizontes enfermos. A poesía e o primeiro e o último faro". E rematou con un "que así sexa e que a túa poesía nos alumee durante moitos anos".