A Deputación avanza nas obras de construción das beirarrúas da Patiña, en Cambre
Tras a demolición do edificio en ruínas que ocupaba parte da zona destinada a tráfico peonil, as obras avanzan agora para construír sendas que conectan as beirarrúas que van ao centro urbano de Cambre e ao entorno do río Mero
Formoso visitou hoxe a zona e destacou que suporán unha notable mellora da seguridade peonil e estarán rematadas en maio

A Deputación da Coruña avanza nas obras de construción das beirarrúas da Patiña, en Cambre, que se prevé que poidan estar rematadas o vindeiro mes de maio.
Tras a demolición esta mesma semana do edificio en ruínas que limitaba a visibilidade nunha curva e obrigaba aos peóns a invadir a calzada debido a que ocupaba parte da zona que agora se destinará a tránsito peonil, os traballos avanzan coa construción de novos tramos de sendas por ambas marxes entre os puntos quilométricos 0+580 e 1+070 da estrada provincial DP-1704.
O presidente da Deputación, Valentín González Formoso, visitou hoxe a zona acompañado pola deputada de Vías e Obras, Mónica Rodríguez, e os enxeñeiros do servizo e destacou que as obras, cun investimento de 90.000 euros, "permitirán completar un itinerario peonil seguro ao conectar coas beirarrúas que van ao núcleo urbano de Cambre e coas sendas que van ao río Mero".
As sendas, de dous metros de ancho, salvo en determinadas zonas condicionadas polas vivendas existentes, pavimentaranse con mestura bituminosa en quente.
Para unha maior seguridade, o proxecto inclúe tamén o reforzo da sinalización na zona de cruce coa estrada que vai ao río Mero.