Regueira destaca no aniversario do Diario de Compostela o “papel esencial” dos medios de comunicación “nestes tempos convulsos de desinformación”
O Hostal dos Reis Católicos acolleu o primeiro aniversario do Diario de Compostela
"Agora máis que nunca é fundamental contar con medios de comunicación serios e rigorosos, que contrasten a información e nos saiban trasladar a realidade" sinalou Regueira

O Hostal dos Reis Católicos acolleu a celebración do primeiro aniversario do Diario de Compostela, un xornal pertencente a Editorial La Capital. O vicepresidente, Xosé Regueira, participou no acto, onde destacou o "papel fundamental" dos medios de comunicación "nestes tempos convulsos de desinformación".
"Gabriel García Márquez dicía que o xornalismo é a profesión máis importante do mundo. Unha afirmación que cobra especial relevancia nestes momentos nos que estamos sometidos a unha voráxine de sobreinformación e bulos. Agora máis que nunca é fundamental contar con medios de comunicación serios e rigorosos, que contrasten a información e nos saiban trasladar a realidade".
O vicepresidente sinalou que dende a Deputación "compartimos o desexo de transmitir un presente e un futuro con rigor e seriedade" e que "estamos felices de que medios como este que hoxe está de aniversario sirvan para informar e alertar, e non para dividir". "Deste xeito", engadiu, "teremos unha sociedade máis xusta, tolerante, igualitaria e, sobre todo, máis crítica. Cualidades imprescindibles para avanzar".
Regueira felicitou, ademais, ao Diario de Compostela, "un xornal que pertence a unha matriz como El Ideal Gallego que xa é centenaria, e que pasou por tantas batallas e sucesos".