A Deputación da Coruña reafirma o seu compromiso coa inclusión no acto de entrega dos Premios Down Compostela 2025
O presidente Valentín González Formoso participou no evento celebrado polo Día Mundial do Síndrome de Down e destacou a importancia de seguir traballando pola igualdade de oportunidades
Marta Rodríguez Lorenzo, psicóloga e directora da Fundación Down Compostela durante máis de 20 anos; Antonio Rodríguez Núñez, investigador e catedrático da Universidade de Santiago de Compostela, e a empresa SEUR foron premiados polo seu compromiso coa integración laboral

O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, participou na entrega dos Premios Down Compostela 2025, un evento que recoñece o compromiso coa inclusión social e laboral das persoas con síndrome de Down. O acto, organizado pola Fundación Down Compostela, celebrouse no marco do Día Mundial do Síndrome de Down.
Na súa intervención, Formoso destacou que "hoxe é un día para lembrar que en España hai arredor de 35.000 persoas con síndrome de Down, con dereitos recoñecidos pero, en moitos casos, lonxe de acadalos na práctica. A inclusión non debe ser só unha aspiración teórica, senón unha realidade cotiá".
O presidente provincial tamén puxo en valor os avances sociais na superación de prexuízos e estereotipos, pero lembrou que "a realidade aínda nos di que queda moito por facer". Neste sentido, lembrou que en España hai preto de 23.000 persoas con síndrome de Down en idade de traballar, das cales só un 5% teñen un emprego nunha empresa ordinaria, o que evidencia a necesidade de seguir promovendo oportunidades reais de inserción laboral.
Recoñecemento a un labor fundamental
Os Premios Down Compostela 2025 recoñeceron este ano a tres figuras de referencia polo seu traballo en prol da inclusión: Marta Rodríguez Lorenzo, psicóloga e directora da Fundación Down Compostela durante máis de 20 anos; Antonio Rodríguez Núñez, investigador e catedrático da Universidade de Santiago de Compostela; e a empresa SEUR, polo seu compromiso coa integración laboral.
Formoso felicitou ás persoas e entidades premiadas, destacando que "o voso labor demostra que a inclusión non é só unha posibilidade, senón unha realidade cando hai vontade e compromiso".
Apoio da Deputación á inclusión social e laboral
Durante a súa intervención, o presidente da Deputación reafirmou o compromiso da institución coa inclusión social e laboral das persoas con discapacidade. "A Deputación da Coruña colabora en proxectos ilusionantes como o Quiosco Down, onde se fan os mellores bocadillos de calamares da Coruña e que contou con axudas do PEL, ou no apoio a Down Compostela para mellorar a súa sede e renovar o seu equipamento tecnolóxico", explicou.
Ademais, destacou que grazas ao programa "Emprego con Apoio", impulsado por Down Galicia coa colaboración da Deputación, o ano pasado case 100 persoas con síndrome de Down puideron beneficiarse de prácticas laborais e contratacións en empresas da provincia.
"Este é o camiño que debemos seguir", concluíu Valentín González Formoso. "Un camiño no que administracións, entidades e sociedade camiñemos da man para garantir que todas as persoas teñan as mesmas oportunidades, porque a diversidade non é unha limitación, senón unha riqueza que nos fai máis fortes".