Estás en:Novas

Formoso lamenta que “o parón xudicial e o populismo enerxético” lastren as posibilidades de liderado de Galicia no eido das enerxías renovables

O presidente da Deputación da Coruña abriu esta mañá o ciclo 'Almorzos Empresariais', da Confederación de Empresarios da Coruña

"Se non queremos carbón, se non queremos eólica, hidráulica, centrais nucleares...de onde vai saír a enerxía?", preguntouse o presidente da Deputación, que destacou o potencial que Galicia ten para a produción dunha enerxía de futuro como o hidróxeno verde

O presidente da CEC, Antonio Fontenla, destacou a vía do diálogo entre política, Administración e sector privado que encarna Valentín González Formoso, que "fixo do apoio ás empresas e industrias unha das súas prioridades políticas"

Formoso lamenta que “o parón xudicial e o populismo enerxético” lastren as posibilidades de liderado de Galicia no eido das enerxías renovables

Valentín González Formoso abriu esta mañá o ciclo Almorzos Empresariais da CEC

O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, abriu esta mañá o ciclo Almorzos Empresariais, co que a Confederación de Empresarios da Coruña (CEC) pretende xerar un novo foro para o diálogo aberto entre o tecido empresarial da provincia e as personalidades que marcan a axenda e o pensamento económico, político e social.

No marco deste encontro, Formoso abordou os retos e as oportunidades de futuro para a economía da provincia, poñendo o foco especialmente na reindustrialización ligada á transición cara a economía verde, ou nos camiños que se abren en novos sectores como o audiovisual, sen perder de vista a loita contra o despoboamento como gran desafío para situar o rural como un motor clave para a competitividade do territorio.

Neste sentido, Formoso recalcou que Galicia e, en concreto, a provincia da Coruña ten "un liderado claro en canto a enerxías e, sobre todo, en canto ás enerxías que veñen, que son as verdes, incluída o hidróxeno verde". Sen embargo, o presidente da Deputación da Coruña recalcou que esa posición debería ser aínda máis forte, pero está condicionada: "Poderíamos ter un liderado máis consolidado se non houbera un parón xudicial e un populismo enerxético que afecta a dereita e a esquerda por igual e que nos está penalizando claramente. Galicia está perdendo postos e xa é a quinta comunidade en canto a liderado enerxético. Perdemos postos en algo no que poderíamos ser protagonistas a nivel europeo por primeira vez, máis aló da pesca". Formoso defendeu tamén a participación pública nos proxectos enerxéticos de carácter estratéxico.

"Se non queremos carbón, se non queremos eólica, hidráulica, centrais nucleares...de onde vai saír a enerxía?", preguntouse o presidente da Deputación, que destacou o potencial que Galicia ten para a produción de hidróxeno verde, "que substituirá ao gas natural, procedente de países convulsos como Rusia".

Así mesmo, á hora de falar da Deputación da Coruña, explicou aos empresarios e empresarias que a institución "ten como primeira prioridade a creación de emprego, de xeito independente ao contexto económico", xa que "para que non haxa crise hai que acelerar a bonanza económica e asentar as bases desa economía provincial". "Esa prioridade de crear emprego está sustentada en dous plans principais: o Plan Único (POS+) e o Plan de Emprego Local (PEL)", explicou.

Sobre o POS+, Formoso aclarou que financia "practicamente todas as obras que non sexan con fondos Next Generation na provincia, excepto nas tres grandes cidades". "A maioría dos concellos da provincia teñen dependencia absoluta deste plan, que leva investidos 718 millóns de euros e que este ano baterá un récord significativo ao subir un 72%".

A Deputación inviste máis nos concellos da provincia que a Xunta nos 313 concellos galegos

"No 2015, cando nós chegamos ao goberno, a Deputación investía 24 millóns de euros nos concellos da provincia, mentres que este ano investirá 123 millóns. Será a primeira vez na historia na que a Deputación da Coruña supere á Xunta en canto a financiamento dos concellos. É dicir, a Deputación inviste máis nos concellos da provincia da Coruña que a Xunta nos municipios das catro provincias galegas", afirmou Formoso, que reclamou a administración autonómica unha mellora no financiamento municipal.

O presidente lembrou tamén que, segundo os datos da patronal da construción, cada millón de euros investido en obra pública crea 17 empregos, polo que destacou a contribución fundamental do Plan Único para o sostemento duns 12.000 empregos na provincia.

Na apertura deste foro, o presidente da CEC, Antonio Fontenla, puxo como exemplo a Valentín González Formoso do que debe ser o diálogo entre a política, a administración e o sector privado para avanzar de forma sinérxica cara a un maior progreso e benestar compartido para o conxunto da sociedade. "Valentín González Formoso fixo do apoio ás empresas e ás industrias da nosa provincia unha das súas prioridades políticas desde calquera das responsabilidades que ocupa ou ocupou", recalcou.

Neste diálogo, Fontenla ofreceu á Deputación a colaboración das empresas coruñesas nas iniciativas de dinamización económica, promoción do emprego e loita contra o despoboamento, obxectivos programáticos do actual mandato á fronte do ente provincial, e quixo destacar iniciativas como o Plan de Emprego Local (PEL), que favoreceu a creación de miles de postos de traballo en empresas da provincia.

O presidente da CEC abriu o debate sobre o futuro da economía coruñesa, afirmando que "a nosa provincia conta cos recursos para ser unha potencia nos sectores da nova economía: as TIC e, moi especialmente, as enerxías renovables e os combustibles verdes". Neste sector, segundo dixo, "o eixo A Coruña-Ferrol está a consolidarse como un polo de atracción para novos proxectos industriais". Con todo, Antonio Fontenla tamén alertou de grandes desafíos: "Os proxectos enerxéticos paralizados, a ruptura do consenso social en torno a novas industrias ou a falta de consenso entre Administracións son algúns deles".