Rioboo destaca "o papel fundamental do sindicalismo" na defensa dos dereitos laborais nun contexto de acelerados cambios no mercado laboral
O deputado participou na inauguración do Congreso comarcal da UGT na Coruña e Cee

O deputado de Facenda e Avance Dixital, José Ramón Rioboo, participou hoxe na apertura do Congreso Comarcal da UGT na Coruña, onde destacou o papel fundamental do sindicalismo na defensa dos dereitos laborais nun contexto de acelerados cambios no mercado de traballo. No acto estiveron presentes tamén o concelleiro da Coruña e deputado provincial, José Manuel Lage, a subdelegada do Goberno na Coruña, María Rivas, e o expresidente da Xunta de Galicia, Fernando González Laxe, entre outros.
Rioboo felicitou á nova dirección da UGT en Galicia, encabezada polo seu secretario xeral, Cristóbal Medeiros, e destacou a importancia da labor sindical para garantir emprego de calidade e construír unha sociedade máis xusta. "A UGT leva máis de 135 anos defendendo os dereitos das traballadoras e traballadores. Hoxe, esa loita segue a ser imprescindible para garantir condicións laborais dignas e un crecemento sostible", afirmou.
Durante a súa intervención, o deputado provincial subliñou os retos que afronta o mercado laboral debido á dixitalización, á transición ecolóxica e á transformación do sector servizos, lembrando que este último representa un motor clave da economía da comarca. Segundo indicou, preto do 80% dos contratos asinados en Galicia en 2023 estiveron vinculados a este sector, polo que a estabilidade e a calidade do emprego son determinantes para o futuro económico.
"Non podemos falar de cifras sen lembrar que detrás delas están as persoas. O crecemento do emprego non debe basearse na precarización, senón en postos de traballo con dereitos, con salarios xustos e con proteccións sociais", destacou Rioboo, quen puxo en valor o papel do sindicalismo para garantir que a modernización e os avances tecnolóxicos, como a Intelixencia Artificial, se traduzan en novas oportunidades e non en perda de dereitos laborais.
O deputado reafirmou o compromiso da Deputación da Coruña cun modelo de crecemento sostible que poña ás persoas no centro e que aproveite a transición enerxética e dixital para xerar riqueza e emprego de calidade. "A UGT sempre terá na Deputación unha aliada para defender un modelo de progreso con xustiza social", concluíu.