Estás en:Novas

A Deputación volve apoiar a música contemporánea de vangarda do festival Resis

programación, do 25 de abril ao 31 de maio, inclúe 12 concertos, 12 estreas absolutas e 4 encargas, que chegarán a unha ducia de espazos de destacado valor patrimonial, arquitectónico e paisaxístico da cidade da Coruña

Reunirá a formacións coma Quatuor Diotima, Arxis Ensemble, Quartet Gerhard, Evo Ensemble e a Orquestra e Coro da Sinfónica de Galicia; a directores como Armando Merino, Fabián Panisello, Jordi Francés, Daniel Huertas e Javier Fajardo, e a solistas como Virginia Guidi, Florian Hoelscher e Florentin Ginot

Na presentación hoxe do festival, a deputada de Cultura, Natividade González, reafirmou "o firme compromiso" do seu departamento "co apoio a iniciativas que, coma esta, abren camiños para a experimentación, a creación contemporánea e o diálogo entre diferentes disciplinas artísticas"

A Deputación volve apoiar a música contemporánea de vangarda do festival Resis

Resis, o Festival Internacional de Música Contemporánea da Coruña, chega este ano á súa oitava cita, que volverá contar co patrocinio da Deputación. Presentouse está mañá nun acto no que interviron a deputada de Cultura, Natividade González; o edil de Cultura e Turismo do Concello da Coruña, Gonzalo Castro; o director territorial da Consellería de Cultura, Severino Álvarez; a directora técnica da Real Filharmonía de Galicia, Sabela García, e o director do festival, Hugo Gómez-Chao.

A programación, do 25 de abril ao 31 de maio, inclúe 12 concertos, 12 estreas absolutas, 4 encargas, exposicións, clases maxistrais, coloquios, conferencias e propostas de arte sonora e dixital. Poderán gozarse en espazos de destacado valor patrimonial, arquitectónico e paisaxístico da cidade: a igrexa das Capuchinas, o Teatro Rosalía de Castro, o Teatro Colón, o Pazo da Ópera, o Museo de Belas Artes da Coruña, a DOMUS e a sede coruñesa do Museo Nacional de Ciencia y Tecnología (MUNCYT).

Durante as cinco semanas de programa, o festival reunirá a formacións coma Quatuor Diotima, Arxis Ensemble, Quartet Gerhard, Evo Ensemble e a Orquestra e Coro da Sinfónica de Galicia; a directores como Armando Merino, Fabián Panisello, Jordi Francés, Daniel Huertas e Javier Fajardo, e a solistas como Virginia Guidi, Florian Hoelscher e Florentin Ginot.

Na súa intervención, Natividade González reafirmou o "firme compromiso" do departamento de Cultura da Deputación "co apoio a iniciativas que, coma esta, abren camiños para a experimentación, a creación contemporánea e o diálogo entre diferentes disciplinas artísticas".

"O Resis", afirmou, "é moito máis ca un festival de música contemporánea e un dos encontros máis vangardistas e necesarios do panorama cultural galego: é unha plataforma que pon en valor a creación sonora do noso tempo, combinándoa con outras artes vivas, a tecnoloxía e a reflexión sobre o espazo e a sociedade". "Ano tras ano", engadiu, "esta cita reafirma a provincia da Coruña como un epicentro da cultura de vangarda, atraendo artistas de prestixio internacional e dando voz a novos creadores que atopan aquí un lugar para innovar e compartir o seu talento".

Para González, a Deputación "ten a obriga de apoiar proxectos coma o Resis, que non só ofrecen unha programación de altísima calidade, senón que tamén fomentan o acceso á cultura e a educación artística, cunha clara vocación de proximidade e inclusión".