Bernardo Fernández: ‘Ninguén debería enfrontarse só á Esclerose Múltiple’
A Deputación participou en Oleiros na gala que celebra o 30 aniversario de ACEM

O deputado portavoz do Goberno da Deputación da Coruña, Bernardo Fernández, participou esta noite na gala benéfica "30 primaveras ACEM", organizada pola Asociación Coruñesa de Esclerose Múltiple para conmemorar tres décadas de compromiso na defensa dos dereitos das persoas afectadas por esta doenza e outras enfermidades neurodexenerativas. O evento celebrouse na Finca Montesqueiro, en Oleiros, e reuniu a numerosos socios, colaboradores e representantes institucionais.
Durante a súa intervención, Fernández destacou a importancia do labor da ACEM na mellora da calidade de vida das persoas afectadas pola Esclerose Múltiple, a ELA, o Parkinson e outras doenzas. Subliñou que "máis alá das respostas científicas, que se buscan a diario a través da investigación, é fundamental ofrecer respostas sociais que garantan a integración e o apoio necesario para quen convive con estas enfermidades".
O deputado provincial puxo en valor o traballo da ACEM como un espazo de referencia para as persoas afectadas e as súas familias, ofrecendo información, apoio e actividades que contribúan a unha mellor calidade de vida. "Cada un dos 305 socios da ACEM forma parte dunha gran familia que acompaña, que sostén cando a enfermidade pesa máis da conta, e que transmite unha mensaxe fundamental: ninguén debería enfrontarse só a esta realidade", afirmou.
Bernardo Fernández reafirmou o compromiso da Deputación da Coruña coas entidades sociais da provincia, asegurando que seguirá colaborando coa ACEM a través das súas liñas de subvencións e impulsando novas iniciativas de apoio á inclusión e mellora da calidade de vida das persoas con discapacidade. "Esta gala é moito máis que un evento benéfico; é unha celebración da solidariedade, da empatía e da esperanza. Hoxe, como en cada un dos seus 30 anos de historia, ACEM demostra que xuntos e xuntas somos máis fortes", concluíu.