Estás en:Novas

A Deputación da Coruña promociona a gastronomía da provincia no Galicia Fórum Gastronómico

Baixo o lema "A paisaxe que sabe", a Deputación reúne a produtores locais e destacados chefs da provincia nun stand que conta con máis unha trintena de actividades entre presentacións, degustacións, showcookings ou talleres

A Deputación da Coruña promociona a gastronomía da provincia no Galicia Fórum Gastronómico

O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, e o vicepresidente e responsable de Turismo, Xosé Regueira, participaron esta mañá na inauguración oficial do Galicia Fórum Gastronómico, que celebra a súa décima edición en EXPOCoruña do 23 ao 25 de marzo.

O acto contou tamén coa presenza do presidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda, o conselleiro do Mar, Alfonso Villares, a alcaldesa da Coruña, Inés Rey, entre outras autoridades.

O evento consolidouse como unha cita imprescindible para os profesionais da enogastronomía, destacando pola súa capacidade para reunir a destacados chefs e promover as últimas tendencias culinarias.

A Deputación da Coruña, a través da campaña "A paisaxe que sabe", amosa a riqueza gastronómica da provincia vinculada aos seus elementos paisaxísticos. No seu stand, unha decena de produtores locais presentan os seus produtos, ofrecendo un amplo programa de actividades que inclúe almorzos, showcookings e degustacións. Entre os chefs participantes destacan os tres finalistas da provincia ao concurso mellor cociñeiro/a galego do 2025: Nel Parada (Nodestada, Portosín), Víctor Basante (Arrueiro, Laxe) e Miguel Vázquez (Atípico, A Coruña), así como outros de referencia mundial como Iria Espinosa (Árbore da Veira, A Coruña), Nair González (Muelle 43, Mugardos) e Lucía Freitas (A Tafona, Santiago).

O lema desta edición, "Un océano de cociñas", rende homenaxe á diversidade culinaria que emana das profundidades do Atlántico, destacando a riqueza e variedade das cociñas presentes na gastronomía contemporánea.

Durante o acto inaugural, Valentín González Formoso destacou a importancia de eventos como o Galicia Fórum Gastronómico "para poñer en valor a gastronomía local e promover o turismo na provincia". "A gastronomía é un dos nosos grandes atractivos turísticos. En Galicia mestúrase o sabor dos nosos produtos locais autóctonos de calidade co saber das persoas que os elaboran nas cociñas do noso país".

Pola súa banda, Xosé Regueira subliñou o compromiso da Deputación coa promoción dos produtos autóctonos e o apoio aos pequenos produtores, reforzando a identidade gastronómica da Coruña. "Estamos nun momento no que, se cabe, é aínda máis importante poñer en valor o noso: os nosos produtos locais de calidade, a nosa paisaxe e natureza, para que sigamos poder desfrutando e promocionando un territorio auténtico, sostible e virxe que posibilita a mellor gastronomía. Unha paisaxe que sabe".

O Galicia Fórum Gastronómico 2025 contará con máis de 200 expositores e un programa cargado de estrelas da cociña internacional, consolidándose como unha oportunidade única para distribuidores, restauradores e empresas de cátering.

Actividades no stand da Deputación

O stand da Deputación estreou hoxe a súa programación cun almorzo a catro mans con San Isidro Bakery e Cafés Lúa, que se replicará mañá e pasado ás 11h. Posteriormente, celebráronse degustacións e presentacións do Centro Colaboratio da Fusquenlla en Moeche; a Despensa d'Lujo; Queixo Galmesán e o Espazo Colaborativo Transformando en Brión; e os showcookings de Nel Parada, Víctor Basante.

Mañá os showcookings correrán a cargo de Iria Espinosa (Árbore da Veira) e Miguel Vázquez (Atípico da Coruña), que compartirán xornada coas presentacións do Porco Celta de Orixes Galegas de Boqueixón; Chichalovers; Conservas Sotavento e Vánagandr, a mellor xenebra do mundo.

Ademais, no Espazo Ágora ter´alugar a mesa redonda 'As escolas de hostalería: berce de talento', ás 16:30h, coa participación de Xosé Cannas (Pepe Vieira** + *V Poio); Marta Cortizas (El Celler de Can Roca***, Girona); Manuel Costiñas (Retiro da Costiña **, Santa Comba) e Iria Espinosa (Árbore da Veira*, A Coruña).