A Deputación da Coruña impulsa en institutos de Ferrolterra un proxecto pioneiro para o uso seguro e responsable das redes sociais en adolescentes
A iniciativa comeza este luns e contará con seis sesións para estudantes e familias en institutos de Ortigueira, Fene, Pontedeume e As Pontes
Os talleres estarán impartidos por Diego Arroba, 'El Cejas', actor e creador de contidos dixitais con máis de 1,2 millóns de seguidores, que compartirá a súa experiencia persoal sobre o impacto das redes sociais. e Sara Antúnez, presidenta da asociación StopHaters, quen achegará estratexias de protección e actuación ante situacións de acoso en liña.
A Deputación da Coruña lanza 'Problemas digitales, soluciones reales', un innovador programa educativo que busca formar adolescentes, familias e docentes no uso seguro e responsable das redes sociais. A iniciativa ofrecerá talleres nos que se abordarán temas clave como a protección da privacidade, a prevención do ciberacoso e a xestión saudable do tempo en liña.
Esta formación pretende axudar ás persoas nativas dixitais, nacidas máis aló do 1997 (e coñecidas como a 'Xeración Alfa'), a detectar cales son os bos e malos usos dentro das redes sociais. Ademais, ofreceranse ferramentas clave para as familias e o persoal formador para que poidan non só comprender, senón traballar cos adolescentes neste ámbito.
Deste xeito, a Deputación da Coruña pon en marcha un programa que desenvolve contidos actualmente non contemplados no sistema educativo de Galicia e que poden axudar a paliar problemas derivados do uso desmedido das redes sociais como trastornos de saúde mental (ansiedade, depresión, baixa autoestima...), illamento social, sedentarismo ou o acoso nas redes (ciberbullying).
O proxecto comezará a cristalizar cun taller formativo de 90 minutos para estudantes destinado a promover a conciencia sobre o ciberbullying impartido por Diego Arroba "El Cejas", actor e creador de contidos dixitais con máis de 1,2 millóns de seguidores nas súas redes e experiencia persoal nos temas a tratar. Tamén participará Sara Antúnez, presidenta da asociación contra o ciberacoso StopHaters, quen achegará estratexias de protección e actuación ante situacións de acoso en liña.
Durante a formación trataranse prácticas seguras para acadar a privacidade e a intimidade nas redes, xeitos de entender situacións de ciberbullying, protocolos de actuación e denuncia, implicacións legais para as persoas acosadoras e casos prácticos.
Os primeiros centros en participar serán o IES de Ortigueira, o IES de Fene, o CPR Plurinlingüe San José e o IES Breamo, de Pontedeume, e ao IES Plurilingüe Castro da Uz e IES Moncho Valcarce, de As Pontes, entre o luns 24 de marzo e o mércores 26.