Estás en:Novas

A Rede Cultural 2025 ofrece un catálogo de 2182 espectáculos

Os concellos e entidades teñen ata o 1 de abril para solicitar as actuacións dun programa que volverá incluír teatro, monicreques, maxia, danza, música, cinema, narración oral e outros contidos para a dinamización social do galego

Xabier Díaz & Adufeiras de Salitre, Pakolas, Los Limones, Os Revenidos, Tam Tam Go!, Silvia Penide, Néstor Pardo, Nova Galega de Danza, David Perdomo, Federico Pérez, Pepo Suevos, Zënzar, Ataque Escampe, Familia Caamagno, Grampoder, Quico Cadaval, Mofa e Befa, Excéntricas, Guadi Galego e Mercedes Peón son algúns dos protagonistas da programación deste ano

A Rede Cultural 2025 ofrece un catálogo de 2182 espectáculos

A Rede Cultural da Deputación da Coruña presenta este ano una oferta de 2182 espectáculos, para a que reservou un orzamento de 1.975.000 euros. Concellos e entidades teñen de prazo ata o 1 de abril para solicitar as propostas, que, unha vez pechada a axenda de actuacións, celebraranse no ámbito territorial da provincia ata o 31 de marzo de 2026.

Teatro, monicreques, maxia, danza, música, cinema, narración oral e outros contidos para a dinamización social do galego completan un catálogo que se distribúe así:

  • 'Escena ao vivo', programa de propostas profesionais de teatro e monicreques, maxia, danza e música para concellos: 1573 espectáculos (649 de teatro e monicreques, 743 concertos, 96 de maxia e 85 de danza).
  • 'Visións', programa profesional de cinema e contidos audiovisuais para concellos: 95 filmes.
  • 'Lingua a escena!', programa de espectáculos profesionais de música, teatro, danza, maxia, narración oral e monicreques con contidos específicos orientados á dinamización social da lingua galega, para concellos: 68 actuacións.
  • 'Alicerce', programa de grupos de música, danza e teatro non profesional para concellos e entidades: 446 espectáculos.

A Deputación asume o 75% do orzamento das actuacións da Rede Cultural en concellos de menos de 5.000 habitantes, o 60% nos que teñen entre 5.001 e 10.000, o 50% nos de entre 10.001 e 20.000, o 40% nos de entre 20.001 e 50.000 e finalmente un 30% nos máis de 50.001.

Xabier Díaz & Adufeiras de Salitre, Pakolas, Los Limones, Os Revenidos, Tam Tam Go!, Silvia Penide, Néstor Pardo, Nova Galega de Danza, David Perdomo, Federico Pérez, Pepo Suevos, Zënzar, Ataque Escampe, Familia Caamagno, Grampoder, Quico Cadaval, Mofa e Befa, Excéntricas, Guadi Galego e Mercedes Peón son algúns dos protagonistas da programación deste ano.

A deputada de Cultura, Natividade González, destacou a importancia da Rede na programación cultural dos concellos da provincia. "A Rede consolídase como o máis sólido circuíto no territorio, achegando a cultura a todos os municipios da provincia cun programa que ten como protagonistas as e os profesionais máis importantes da nosa música, as nosas artes escénicas e o noso audiovisual".

"Nesta edición", explica González, "reforzamos o noso compromiso coa diversidade de propostas e co equilibrio territorial, garantindo que os recursos cheguen a todos os concellos que forman parte da Rede. Queremos unha programación que reflicta a pluralidade da nosa cultura, que poña en valor a lingua galega e que achegue ás novas xeracións a riqueza do noso patrimonio artístico. A Deputación da Coruña ten clara a súa aposta pola cultura como eixo vertebrador da sociedade, e a Rede Cultural segue a ser a mellor mostra dese compromiso".