O stand da Deputación, repleto en todas as actividades das dúas primeiras xornadas do Galicia Fórum Gastronómico
Hoxe pasaron polos fogóns da institución provincial Iria Espinosa, de Árbore da Veira, e Miguel Vázquez, de Atípico
"Dende a Deputación queremos reivindicar a autenticidade dos nosos produtos e do noso territorio, así como a importancia de coidar dos nosos recursos naturais para que poidamos seguir desfrutando dunha gastronomía de primeira calidade e dunha paisaxe auténtica" sinalou o vicepresidente, Xosé Regueira

Hoxe celébrase a segunda e penúltima xornada do Galicia Fórum Gastronómico, onde a Deputación participa cun stand propio que acolle máis dunha trintena de actividades. Espazo que estivo tanto onte como hoxe repleto dun público que acudiu con entusiasmo a todas as actividades. Showcookings, degustacións, presentacións e talleres forman unha programación que a entidade provincial formulou co obxectivo de "promocionar a nosa gastronomía e o traballo dos nosos produtores e produtoras locais e chefs da provincia nun foro tan relevante como este que xa traspasou as fronteiras do Estado" sinalou o vicepresidente, Xosé Regueira.
"Dende a Deputación queremos reivindicar a autenticidade dos nosos produtos e do noso territorio, así como a importancia de coidar dos nosos recursos naturais para que poidamos seguir desfrutando dunha gastronomía de primeira calidade e dunha paisaxe auténtica" engadiu Regueira. "Facémolo coa nosa campaña 'A paisaxe que sabe', que pon o foco nas persoas, nos produtos e na paisaxe como elementos claves que configuran un produto turístico de primeirísimo nivel como é a nosa provincia, que debemos non so poñer en valor, senón tamén preservar e protexer."
Programación propia
Os showcookings de hoxe protagonizáronos os chefs dos restaurantes coruñeses de Árbore da Veira e Atípico, Iria Espinosa e Miguel Vázquez, respectivamente. Na xornada de mañá, pasarán polos fogóns da Deputación Nair González, do Muelle 43 de Mugardos, e Lusía Freitas, de A Tafona en Santiago de Compostela. Tamén haberá presentacións de San Isidro Bakery; Cafés Lúa; Martietas de Fío de Bergondo; A Despensa d´Lujo; Chichalovers e Vánagandr, a mellor xenebra do mundo.
Talleres
Ademais das actividades no stand, a Deputación colabora co desenvolvemento de diferentes mesas redondas. Hoxe celebrouse a primeira delas, 'As escolas de hostalería: berce de talento', e mañá terán lugar no espazo taller e no espazo Ágora outras dúas. Ás 13:15h, 'Cociña moderna vs. Cociña tradicional: un debate culinario' con Xurxo Agrasar e Eva Fares (As Garzas, Malpica) e Dolores García e Noelia Rodríguez (Casa Peto, Outes) e, ás 17h, 'Costa da Morte: esencia e territorio', con Pepe Formoso, Miguel Silvarredonda, Emilia Iglesias e Martiño Santos, da Asociación de Profesionais de Turismo Costa da Morte.
Visitas institucionais
Os stands das Deputacións da Coruña, Lleida e Burgos acolleron hoxe unha visita institucional na que participaron o vicepresidente, Xosé Regueira, xunto co vicepresidente do padroado de promoción económica da Deputación de Lleida, Jordi Verdú, e do deputado provincial da Deputación de Burgos, Francisco Javier Arroyo.
Primeira exhibición do cociñeiro galego do ano
Onte, o gañador do concurso 'Cociñeiro galego do ano 2025', Víctor Basante (Arrueiro, Laxe) cociñou no stand da Deputación, tralo seu nomeamento. Os numerosos asistentes ao showcooking puideron degustar en primicia unha "salchicha de raia en pan artesán" así como a súa tradicional sobremesa "praia dos Cristais".
Expositores
A zona de expositores está formada polos produtos de Chichalovers; A Despensa d'Lujo; Cafés Lúa; Galmesan; Martietas de Fío; Orixes Galegas; San Isidro Bakery; Sotavento e Vánagandr, que ofrecen mostras dos seus produtos ante un público que foi constante durante estes dous días.
"Estamos encantados co transcurso destes dous días de Fórum, vendo como os produtores e produtoras que nos acompañan cerran negocio, conquistan os padais dos asistentes, como os nosos showcookings se enchen de xente que descubre o bo facer do noso sector da restauración e, sobre todo, como comprobamos que a nosa paisaxe sabe, sabe capturar a todos os que a coñecen, que saben mantela, coidala e vivila" puntualizou o vicepresidente.