O Consorcio Provincial Contra Incendios da Coruña aproba o convenio colectivo e a nova RPT do servizo, con melloras laborais para os bombeiros
Formoso destaca que o acordo recolle melloras salariais de máis de 8.000 euros anuais por bombeiro, ademais do incremento de 42 efectivos que se sumarán aos 174 xa existentes nos dez parques comarcais da provincia
Santiago Villanueva celebra tamén un acordo que mellorará o servizo "na provincia con maior número de servizos profesionais de emerxencias"

O Consorcio Provincial Contra Incendios e Salvamento da Coruña, integrado pola Deputación da Coruña e a Xunta de Galicia, aprobou por unanimidade na sesión plenaria ordinaria celebrada esta mañá na sede da institución provincial o primeiro convenio colectivo para o persoal operativo dos parques provinciais de bombeiros, así como a modificación da Relación de Postos de Traballo (RPT), que define as funcións específicas de todos os postos e o novo organigrama.
O acordo aprobado hoxe será aplicado desde o día seguinte da súa publicación no Boletín Oficial da Provincia aos bombeiros que prestan os seus servizos nos dez parques provinciais da provincia: Carballo, Arteixo, Ordes, Arzúa, As Pontes, Betanzos, Boiro, Ribeira, Cee e Santa Comba.
O convenio recolle melloras salariais en todas as categorías profesionais, quedando a estrutura retributiva do persoal acollido ao mesmo á estrutura do persoal funcionario e a regulación das horas extraordinarias. Tamén se establece un incremento dos efectivos dos parques comarcais.
Así o explicou o presidente do Consorcio e da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, que explicou que as melloras salariais "supoñen un incremento de máis de 8.100 euros anuais na categoría de bombeiro e un aumento do cadro de persoal de preto de 42 efectivos", que se sumarán aos 174 existentes actualmente na provincia.
Sistema de emerxencias público
"É un momento importante, que pon fin a un conflito longo e que se suma a feitos que aínda son máis importantes e que convén lembrar: estes bombeiros formaban parte de empresas privadas ata hai poucos anos. Conseguimos que pasaran a ser persoal público de forma interina e agora son fixos da administración pública", explicou Formoso, que defendeu que "os traballadores de servizos fundamentais como as emerxencias formen parte dun sistema público e non privatizado".
O presidente da Deputación da Coruña e do Consorcio Provincial Contra Incendios afirmou que "a mellora das condicións laborais dos bombeiros cun posto de traballo estable, seguro, vocacional e ben retribuído redundarán tamén nun mellor servizo para a cidadanía, froito da colaboración entre a consellería de Presidencia, a Deputación da Coruña e as distintas forzas sindicais que representan aos traballadores e traballadoras", apuntou.
Pola sua banda, o director xeral de Emerxencias, Santiago Villanueva, expresou tamén a súa satisfacción por este acordo, "que pon fin a un longo conflito cos bombeiros e que supón melloras económicas e sociais".
Villanueva puxo tamén en valor a colaboración entre a Xunta de Galicia e a Deputación da Coruña, que propicia que "A Coruña sexa probablemente a provincia con maior número de servizos profesionais de emerxencias".
Ademais das melloras salariais e o incremento de efectivos nos parques comarcais de bombeiros, o acordo de hoxe contempla tamén melloras sociais para os bombeiros, así como medidas para favorecer a conciliación familiar e a formación continua dos profesionais das emerxencias na provincia coruñesa.