Estás en:Novas

A Deputación pecha o Fórum 2025 cun balance moi positivo “en canto á promoción turística e gastronómica e visibilidade dos nosos produtores e chefs”

O vicepresidente, Xosé Regueira, valorou moi positivamente a participación, un ano máis, da Deputación no Galicia Fórum Gastronómico, "un evento que xa é de referencia internacional e que nos permite promocionar a nosa gastronomía e tamén poñer en valor o traballo dos nosos produtores e produtoras locais ante un público moi diverso, tanto profesional como xeral"

Nesta última xornada de Fórum 2025, o stand da Deputación acolleu os showcookings de Lucía Freitas (A Tafona, Santiago de Compostela) e Naír González (Muelle 43, Mugardos) así como diferentes presentacións e degustacións de produtos

Ademais das actividades propias, a Deputación organizou talleres noutros espazos do Fórum e, ademais, o vicepresidente participou na entrega de galardóns dos Premios Picadillo e do Concurso de Empanadas

A Deputación pecha o Fórum 2025 cun balance moi positivo “en canto á promoción turística e gastronómica e visibilidade dos nosos produtores e chefs”

3 días, 30 actividades, 6 chefs e 10 mostradores de exposición de produtos locais, así como outras actividades complementarias como mesas redondas, talleres e entregas de premios. Remata unha edición máis do Galicia Fórum Gastronómico, onde a Deputación da Coruña participou cunha ampla e ambiciosa programación destinada a "poñer en valor a nosa gastronomía, os nosos produtos e o talento dos profesionais do sector agroalimentario", sinalou o vicepresidente, Xosé Regueira, que, ademais, valorou moi positivamente esta décima edición "dun evento que xa é de referencia internacional".

"Estar en Fórum" afirma Regueira "é ter a convicción de que imos estar no mellor escaparate da nosa gastronomía, que nos permite non so poñela en valor, senón tamén reivindicar os nosos produtos e o noso territorio". "A provincia da Coruña", engadiu o vicepresidente, "é un destino turístico auténtico que alberga pequenas peculiaridades que o fan único, como a nosa xente e as nosas paisaxes. E hoxe é máis importante ca nunca, se cabe, defender a preservación desa autenticidade".

Actividades da última xornada no stand
Hoxe, as cociñeiras Lucía Freitas (A Tafona, Santiago de Compostela) e Naír Naír González (Muelle 43, Mugardos) protagonizaron os showcookings deste último día no stand da Deputación, onde tamén participaron ofrecendo degustacións e presentacións San Isidro Bakery e Cafés Lúa; A Despensa d'Lujo; Martietas de Fío; Vánagandr e Chichalovers.

Os produtores presentes no stand provincial destacaron a "visibilidade" que supón para eles a participación en foros como este Galicia Fórum Gastronómico, e tamén as "sinerxías" que se establecen entre eles, que impulsan ademais "o noso crecemento e recoñecemento, pois xuntos somos máis", explicaron. Mostra diso foi a participación de Carmela, de Queixo Galmesán, no showcooking de Lucía Freitas, que empregou o seu queixo premiado internacionalmente nun dos pratos que elaborou: porro á brasa, avelá, xema curada e escuma de Galmesán.

Talleres
Ademais das actividades que se desenvolveron no espazo provincial, a Deputación tamén organizou talleres nos espazos "Taller" e "Ágora". Nesta última xornada, foi o caso de 'Cociña moderna vs. Cociña tradicional: un debate culinario' con Xurxo Agrasar e Eva Fares (As Garzas, Malpica) e Dolores García e Noelia Rodríguez (Casa Peto, Outes) e 'Costa da Morte: esencia e territorio', con Pepe Formoso, Miguel Silvarredonda, Emilia Iglesias e Martiño Santos, da Asociación de Profesionais de Turismo Costa da Morte.

Entrega de premios
Ademais, Regueira participou na entrega de Premios Picadillo 2025 e do Concurso de Empanadas. No primeiro caso, entregoulle o galardón na categoría de cociña Celestina Martínez, de O Parrulo (Ferrol), polo seu "compromiso coa cociña tradicional galega, mantendo os sabores de sempre". No segundo caso, na categoría profesional, a Casa Zapateiro (Mesía) o terceiro premio; ao Club Santo Domingo de Pereiro de Aguiar o segundo e, o primeiro, á empanadeira Cantón de Ortigueira.