A Deputación da Coruña colaborará co Concello de Ortigueira na renovación do muro de San Roque
O presidente da Deputación, Valentín González Formoso, reuniuse co alcalde, Valentín Calvín
O proxecto contempla a construción dun novo muro de formigón armado revestido en pedra, a instalación de escaleiras e ramplas que melloren a accesibilidade, a renovación do pavimento e a mellora da iluminación e da rede de saneamento

O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, recibiu no seu despacho da institución provincial ao alcalde de Ortigueira, Valentín Calvín, para abordar diversas iniciativas e necesidades de melloras no municipio.
Tras a reunión, o presidente provincial confirmou ao alcalde que a Deputación colaborará economicamente co Concello de Ortigueira no proxecto de renovación do muro de contención do parque de San Roque.
A actuación responde á necesidade de substituír o actual muro de contención, que presenta un importante deterioro estrutural, e de mellorar a accesibilidade e o entorno do parque. O proxecto contempla a construción dun novo muro de formigón armado revestido en pedra, a instalación de escaleiras e ramplas que melloren a accesibilidade, a renovación do pavimento e a mellora da iluminación e da rede de saneamento.
Unha remodelación integral do entorno na que Formoso comprometeu a colaboración da institución provincial co obxecto de "recuperar un lugar emblemático de Ortigueira" e "mellorar a seguridade, a accesibilidade e a estética do entorno para poñelo ao dispor da veciñanza".
Pola súa banda, o alcalde de Ortigueira valorou positivamente o apoio da Deputación, destacando que este investimento permitirá garantir a seguridade da infraestrutura e potenciar un espazo público clave para os veciños. "É unha obra fundamental para mellorar a imaxe e a funcionalidade dun lugar que, en certa medida, forma parte da nosa fachada marítima", sinalou Calvín tras a reunión.
O Concello de Ortigueira iniciará proximamente os trámites administrativos para a execución da obra, co obxectivo de que os traballos poidan comezar nos próximos meses.
Ademais, o rexedor ortegán aproveitou a ocasión da visita ao presidente provincial para convidalo á edición do 2025 do Festival Internacional do Mundo Celta, un ano especial no que se conmemora o 50 aniversario da Banda de Gaitas de Ortigueira. Calvín tamén agasallou a González Formoso cunha pequena figura do escudo do Concello.