Formoso destaca o compromiso do Ministerio de Defensa e a colaboración institucional como “claves para pór en marcha o proxecto Abrir Ferrol ao Mar”
A ministra de Defensa, Margarita Robles, acudiu á sinatura do protocolo que permitirá o derrubamento da muralla do Arsenal Militar

O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, asistiu hoxe ao acto de sinatura do protocolo entre a Armada e o Concello de Ferrol para o desenvolvemento do proxecto 'Abrir Ferrol ao Mar'. O evento, celebrado no Museo da Construción Naval (Exponav), contou coa presenza da ministra de Defensa, Margarita Robles, do almirante xefe do Estado Maior da Armada, Antonio Piñeiro, e do alcalde de Ferrol, José Manuel Rey Varela, entre outras autoridades.
Formoso destacou a importancia estratéxica deste proxecto, que supón un fito na transformación urbana da cidade, permitindo a integración do barrio da Magdalena co mar a través do derrubamento da muralla do Arsenal Militar. "Este proxecto simboliza a colaboración entre administracións para facer de Ferrol unha cidade máis accesible, máis atractiva e con maior proxección de futuro", subliñou o presidente provincial ao remate do acto, agradecendo tamén "o compromiso do Ministerio de Defensa para facer realidade este proxecto".
A ministra de Defensa, Margarita Robles, reafirmou o compromiso "absoluto" do seu departamento coa cidade e coa Armada, sinalando que "cando hai ilusión, os proxectos saen adiante". Pola súa banda, o almirante xefe do Estado Maior da Armada explicou que se garantirá a seguridade do recinto militar coa implantación do primeiro sistema de seguridade intelixente da Armada, baseado en intelixencia artificial.
No acto púxose de manifesto o consenso acadado entre todas as administracións implicadas no proxecto, que traballan conxuntamente para que esta iniciativa se materialice.