A Deputación aproba un regulamento para a actualización de distincións e honras da entidade provincial
No pleno de hoxe aprobouse a proposta, en aplicación da lei de memoria democrática, cos votos a favor dos grupos provinciais do PSdG, BNG e AV, e a abstención do PP
Esta actualización responde á aplicación da Lei 20/2022, de 19 de outubro de Memoria Democrática pola que se recoñecen e amplían dereitos e se establecen medidas en favor de quen padeceu persecución ou violencia durante a guerra civil e a ditadura

O pleno de hoxe aprobou un regulamento para a actualización de distincións e honras da Deputación da Coruña, en cumprimento coa Lei 20/2022, de 19 de outubro de Memoria Democrática. O punto contou cos votos a favor dos grupos provinciais do BNG, PSdG e AV, e a abstención do PP.
Esta actualización responde ao compromiso da Deputación coa aplicación da lei de memoria democrática, posto que o regulamento actual data do ano 1960, servindo ata o momento para o recoñecemento de personalidades e institucións ilustres. Despois de máis de 60 anos, e co obxectivo de adaptarse ás novas necesidades e sensibilidade cidadá, é preciso un novo regulamento que responda ás demandas da sociedade actual, que recolla aspectos protocolarios que o anterior non reflexaba.
Deste xeito, o novo regulamento propón o recoñemento de forma honorífica a persoas e entidades que, polos seus actos e servizos eminentes e de relevante mérito na orde provincial ou nacional, merezan que o recoñecemento e gratitude da Deputación se exteriorice e faga patente, para constancia imperecedoira, e dar pública satisfacción, mediante un prezado galardón ou nomeamento distintivo, que gradúe a honra en paridade coa excepcional conduta.
As personalidades ou entidades corporativas que están actualmente en posesión dalgunha das distincións que son materia deste Regulamento, continuarán no goce das mesmas con todos os dereitos, honras e prerrogativas recoñecidas polos Regulamentos respectivos ou por anteriores acordos provinciais ditados en relación coas devanditas distincións, agás aquelas que contraviñesen o disposto na Lei 20/2022, de 19 de outubro, de Memoria Democrática, pola que se recoñecen e amplían dereitos e se establecen medidas en favor de quen padeceu persecución ou violencia durante a guerra civil e a ditadura.
Para a efectiva execución desta actualización, o regulamento debe ser aprobado definitivamente, publicado integramente o seu texto no BOP e transcorrido o prazo de quince días hábiles previsto no art. 65.2 da Lei 7/1985, do 2 de abril, Reguladora das Bases do Réxime Local.