A Deputación aproba un investimento de preto de 2 millóns de euros para mellorar a seguridade viaria da DP-0503 no núcleo de Suevos, en Arteixo
A actuación nesta estrada, con pendente descendente e situada nunha zona de moitas vivendas, precisará dun investimento de case dous millóns de euros
Ampliarase o ancho da vía, executaranse zonas de tránsito seguro para peóns, habilitaranse aparcadoiros e construiranse cinco muros de contención

O pleno da Deputación da Coruña aprobou hoxe por unanimidade o proxecto das obras de mellora da seguridade viaria na estrada provincial DP 0503 ao seu paso polo núcleo de Suevos, en Arteixo, que suporá un investimento de 1.985.970 euros, dos que 1.676.084 € se destinarán á execución dos traballos e 309.886 € ás expropiacións necesarias para poder levalos a cabo.
Os traballos planificados concrétanse entre os puntos quilómetros 1+000 e 2+100 da vía provincial que vai de Bordeiras ao Porto de Suevos. Dita área de actuación coincide co paso da estrada polo núcleo de Suevos e trátase dun treito cunha forte pendente, curvas de radio reducido e unha calzada estreita. Ademais, na actualidade, non existen sendas ou beirarrúas habilitadas para o tránsito peonil a peonil, a pesar de que se trata dunha zona con numerosas vivendas.
Por todo elo, a Deputación da Coruña considera necesario acometer esta mellora, que pasará por ampliar a sección da estrada e habilitar zonas de paso de viandantes, coa fin de mellorar as condicións de seguridade da vía provincial e da súa contorna. A estrada en cuestión encaixa na súa totalidade nunha media ladeira e no treito a intervir presenta unha pendente descendente con zonas superiores ao 12%.
Ante estas circunstancias, proxectouse un novo trazado que pretende aproveitar na medida do posible a actual plataforma. Estableceranse carrís de tres metros de ancho no treito de núcleo rural e 3,5 metros unha vez superado este. Ademais, construiranse sendas peonís en ambas as dúas marxes ao longo do núcleo de Suevos e unicamente nunha delas no treito final da actuación. Tamén está prevista a inclusión de zonas de aparcadoiro en liña ou batería cando o espazo dispoñible sexa suficiente e espazos para a recollida de pluviais.
A pavimentación xeral na maior parte do percorrido da estrada realizarase con mestura bituminosa. Ademais, o proxecto recolle a execución de cinco muros de contención -catro na marxe esquerda e u na dereita- e unha pel de escollera para a protección dunha pendente.
Para a execución dos traballos será necesaria a expropiación de 11.200,54 metros cadrados de terreos situados no termo municipal de Arteixo, dos cales 5.008,54 son chan rural e 6.192 urbanizado sen edificar. O importe previsto para estas expropiacións é de 309.886,81 euros, que se suman aos aos 1.676.084,23 euros de orzamento base de licitación para acadar case os dous millóns de euros de orzamento total. Unha vez comecen as obras, o prazo de execución previsto é dun ano.
Renovación do firme da DP 3203, en Oza-Cesuras
O pleno deu tamén luz verde a un investimento de 809.403,82 euros para a renovación do firme da estrada provincial DP 3203 de Burricios a Pena de Martín, en Oza-Cesuras, desde o inicio do vial ata o punto quilométrico 8+370.
As obras resolverán o deterioro que afecta á capa de rodaxe desta estrada coa reparación puntual das zonas mais afectadas e unha nova nova pavimentación de mestura asfáltica en quente de seis centímetros de espesor nunha superficie de 67.000 metros cadrados. Inclúe tamén a renovación da sinalización e balizamento do vial. O prazo de execución é de tres meses a partir da adxudicación da obra.