Estás en:Novas

A Deputación agarda a autorización da Xunta para iniciar a ampliación da estrada de San Paio, en Bergondo, que considera necesaria e urxente

Onte, xoves 27 de marzo, os técnicos do departamento provincial de Vías e Obras presentaron o proxecto aos técnicos da Dirección Xeral de Patrimonio

A Xunta debe decidir se autoriza a proposta, que garante a seguridade viaria na estrada e respecta a catalogación de Villa Julia

A Deputación agarda que o informe de Patrimonio sexa favorable xa que considera necesario e urxente ampliar a estrada para eliminar un punto negro onde se produciron accidentes mortais

A Deputación agarda a autorización da Xunta para iniciar a ampliación da estrada de San Paio, en Bergondo, que considera necesaria e urxente

A Deputación da Coruña dá un paso máis no proceso para ampliar e mellorar a seguridade viaria na estrada DP-0810, en San Paio, no Concello de Bergondo, e agora agarda a autorización da Xunta de Galicia para poder acometer unha actuación que considera necesaria e urxente.

Onte, xoves 27 de marzo, nunha reunión na sede administrativa da Xunta de Galicia na Coruña, os técnicos do departamento provincial de Vías e Obras presentáronlle aos técnicos da Dirección Xeral de Patrimonio un proxecto que garante a seguridade viaria na estrada de San Paio e respecta a catalogación de Villa Julia.

A Deputación agarda que o informe de Patrimonio, que agora é quen debe decidir se autoriza a proposta, sexa favorable xa que é absolutamente necesario e urxente ampliar a estrada para eliminar un punto negro onde se produciron accidentes mortais.

A administración provincial confía en que esta vez a Xunta de Galicia dea luz verde definitiva á actuación para, primeiro, poder levar a cabo as expropiacións necesarias, e logo executar as obras de ampliación da estrada, algo fundamental para que non se volvan producir vítimas mortais neste punto.