Estás en:Novas

Ferrol acolleu a gran final nacional da First Lego League

Rosa Ana García participou na entrega de premios e destacou a importancia deste tipo de iniciativas para o desenvolvemento do talento xuvenil e a promoción das vocacións científico-tecnolóxicas

Ferrol acolleu a gran final nacional da First Lego League

Ferrol acolleu esta fin de semana a gran final nacional da First Lego League España, un evento que reuniu a 700 mozos e mozas de todo o Estado para competir e amosar as súa habilidades en ciencia, tecnoloxía, enxeñaría e matemáticas (STEM). Esta prestixiosa competición tivo como obxectivo fomentar o pensamento crítico, a resolución de problemas e o traballo en equipo entre a mocidade a través de retos vinculados coa robótica e a innovación tecnolóxica.

No acto de entrega de premios, celebrado esta tarde no Auditorio de Ferrol, participou en representación da Deputación da Coruña a deputada de Emprego, Rosa Ana García, quen destacou a importancia deste tipo de iniciativas para o desenvolvemento do talento xuvenil e a promoción das vocacións científico-tecnolóxicas.

A Deputación da Coruña destaca a importancia de fomentar a educación e a innovación como motores de progreso e oportunidades para a mocidade. Neste sentido, Rosa Ana García subliñou o papel clave que xogaron as administracións públicas no apoio a proxectos como este, que inspiran novas xeracións de enxeñeiros, programadores e científicos.

A First Lego League non só foi unha competición, senón unha experiencia educativa que incentivou a creatividade, o pensamento lóxico e a capacidade de innovar. Durante a fin de semana, os equipos participantes expuxeron os seus proxectos e prototipos, demostrando o seu talento e a súa paixón pola tecnoloxía.