Estás en:Novas

Emma & Candela e Gael Ares achegan as propostas vencedoras do concurso ‘Quero Cantar’ 2025

O Teatro Colón da Coruña encheuse este domingo 6 de abril para escoitar as propostas finalistas.
Na modalidade infantil resultou gañador Gael Ares, coa peza 'Bule Bule'.
Na modalidade xuvenil foi gañadora a proposta 'Preto de ti', de Emma & Candela

Emma & Candela e Gael Ares achegan as propostas vencedoras do concurso ‘Quero Cantar’ 2025

Talento e creatividade musical a moreas abrollou este domingo no Teatro Colón da Coruña, onde o público que ateigou as butacas puido albiscar algúns dos posibles rostros futuros da música galega. Malia o extraordinario bo facer demostrado por todas as bandas e solista participantes, só dúas das seis propostas que competían podían acadar o primeiro premio e, no sentir do xurado, estas son as de Gael Ares e Emma & Candela, gañadoras respectivamente nas categorías infantil e xuvenil da oitava edición do Concurso de música infantil e xuvenil Quero Cantar. Un xurado que, lembramos, nesta gala final estivo integrado por nenos e nenas e por mozos e mozas con formación musical e do mesmo abano de idade que as bandas e solistas seleccionadas para a final.

E a decisión final foi a seguinte:

Categoría infantil

  • 1º clasificado - Proposta gañadora na categoría infantil: Gael Ares, coa peza 'Bule Bule'

Gael Ares, de Fene, ten 11 anos e dende cativo os seus xoguetes preferidos foron os instrumentos musicais. Ten especial devoción pola música tradicional galega, coa que na actualidade experimenta fusionándoa coa música electrónica, como é o caso de 'Bule-bule', a peza que presenta a concurso. O seu artista preferido era Davide Salvado, a quen coñeceu nun obradoiro con só catro anos. Davide permitiulle acompañalo no escenario en varias ocasións. Con 8 anos comeza a estudar música no Conservatorio de Ferrol, contando finalizar neste curso o grao elemental de contrabaixo. Tamén toca toda a percusión tradicional, ademais da gaita, desde os 5 anos, asistindo a clase con Dani Bellón.

  • 2º clasificado: Libres, coa peza 'Libre'
  • 3º clasificado: The Escarabots, coa peza 'Agora sei nadar'

Categoría xuvenil

  • 1º clasificado - Proposta gañadora na categoría xuvenil: Emma e Candela, coa peza 'Preto de ti'

Emma & Candela, Emma Pérez e Candela Caamaño, alumnas da Escola Municipal de Música de Ames, compuxeron a súa propia canción dentro das clases colectivas de "Escribe as túas propias cancións". Desde o primeiro momento, amosaron unha gran paixón pola música e unha motivación excepcional para crear algo propio. Ao longo do proceso, exploraron ideas, experimentaron con letras e melodías, e conseguiron plasmar as súas emocións nunha canción orixinal. A súa creatividade e implicación foron fundamentais para dar forma a unha peza que reflicte a súa visión artística e evolución musical. Este proxecto permitiulles non só expresarse a través da composición, senón tamén reforzar a súa confianza e ilusión pola música. Esta peza, 'Preto de ti', reflicte a súa visión artística e evolución musical.

  • • 2º clasificado: Interestelares, coa peza 'Vai calor'
  • • 3º clasificado: Wildfire, coa peza 'Ladroas'

A responsable da área de Cultura da Deputación da Coruña, Natividade González Rodríguez, subliñou o compromiso da institución cun "concurso infantil e xuvenil que acada xa a súa oitava edición" e salientou o valor "dun certame nacido co obxectivo de promocionar e difundir o uso da lingua galega e a creatividade poética e musical". A deputada amosou tamén a súa satisfacción polo éxito dunha edición máis dun concurso de, onde a bo seguro, sairán grupos de referencia para o futuro da música galega. Natividade González felicitou ademais a familias, escolas e profesorado polo apoio ao concurso: "Nós poñemos os recursos, pero vós sodes a alma", subliñou.

Os premios para os gañadores son os seguintes:
1º clasificado na categoría infantil:

  • Gravación da maqueta en estudio profesional.
  • Gravación dun videoclip da canción gañadora
  • Material musical (instrumentos, equipamento...) e/ou produtos culturais en galego (libros, discos, cine, xogos..) por valor de 1.500,00€

1º clasificado na categoría xuvenil:

  • Gravación da maqueta en estudio profesional.
  • Participación no programa formativo que se explica no anexo.
  • Gravación dun videoclip, ben da canción presentada ao concurso, ben da creada no programa formativo.
  • Material musical (instrumentos, equipamento...) e/ou produtos culturais en galego (libros, discos, cine, xogos..) por valor de 1.500,00€

2º clasificado en ambas as categorías:

  • Gravación da maqueta en estudio profesional
  • Material musical (instrumentos, equipamento...) e/ou produtos culturais en galego (libros, discos, cine, xogos..) por valor de 1.000,00€

3º clasificado en ambas as categorías:

  • Gravación da maqueta en estudio profesional
  • Material musical (instrumentos, equipamento...) e/ou produtos culturais en galego (libros, discos, cine, xogos..) por valor de 500,00€

Programa formativo
O Programa formativo Quero Cantar 2025 fai parte do premio que se outorga á proposta vencedora na categoría xuvenil da mesma edición do concurso e consta dos seguintes apartados:

  • Titorización creativa: Titorización durante catro semanas, por parte dun ou dunha artista de recoñecida traxectoria na música galega, para o desenvolvemento dunha canción.
  • Residencia: Este período previo de formación e desenvolvemento da canción culminará con tres días de convivencia nun espazo determinado pola Deputación entre a persoa ou persoas que compoñan a proposta seleccionada e a persoa encargada da titorización. Asistirase a un estudio profesional para a gravación do tema.
  • Obradoiro "Kit de supervivencia para iniciarse no mundo da música": Formación práctica de 6 horas de duración enfocada a aspectos básicos para o inicio dunha carreira no mundo da música como son a creación da identidade de grupo, maquetación, distribución e dereitos e aspectos a ter en conta de cara á procura dos primeiros concertos.

Finalistas na categoría infantil

  • Libres é un grupo formado por Alejandra, Lola, Eiden, Enzo, Sandra, Isabella, Paula, Hugo, Andrea, Elías e Sara, alumnado do CEIP Plurilingüe Irmáns Villar, de Ourense, coa peza titulada 'Libre', da autoría do docente Anxo Fernández. Así nos contan sobre ela: "Para nós, 'Libre' é unha canción que trata de poñerse no lugar do outro. A frase que máis representa esta idea é: "eu son ti". Tamén nos gusta a idea de que todos somos especiais, máxicos, libres, grandes. Queremos que esta mensaxe chegue a todos os espectadores do Quero Cantar e oíntes da nosa canción porque é unha mensaxe moi importante".
  • Gael Ares, de Fene, ten 11 anos e dende cativo os seus xoguetes preferidos foron os instrumentos musicais. Ten especial devoción pola música tradicional galega, coa que na actualidade experimenta fusionándoa coa música electrónica, como é o caso de 'Bule-bule', a peza que presenta a concurso. O seu artista preferido era Davide Salvado, a quen coñeceu nun obradoiro con só catro anos. Davide permitiulle acompañalo no escenario en varias ocasións. Con 8 anos comeza a estudar música no Conservatorio de Ferrol, contando finalizar neste curso o grao elemental de contrabaixo. Tamén toca toda a percusión tradicional, ademais da gaita, desde os 5 anos, asistindo a clase con Dani Bellón.
  • The Escarabots colle nome do CEIP de Escarabote (Boiro), onde estudan Nerea, Daniela, Xiana, Adriana, Iago, Ernesto, Aitana e Sarela, o alumnado integrante do grupo. Canda eles, o mestre de música do centro, Diego Bello Magán, compositor desta peza, 'Agora sei nadar' e membro da Asociación Madixiga, coa que é autor de varios libros sobre ensino musical. O tema fala da superación do acoso escolar por parte dun neno/a da idade do alumnado. Pretende unha mensaxe positiva, superando as dificultades desde o amor propio. A composición está realizada para voces escolares, baixo eléctrico, piano, guitarra, batería e violíns, instrumentos que abrangue o alumnado integrante do grupo.

Finalistas na categoría xuvenil

  • Emma & Candela, Emma Pérez e Candela Caamaño, alumnas da Escola Municipal de Música de Ames, compuxeron a súa propia canción dentro das clases colectivas de "Escribe as túas propias cancións". Desde o primeiro momento, amosaron unha gran paixón pola música e unha motivación excepcional para crear algo propio. Ao longo do proceso, exploraron ideas, experimentaron con letras e melodías, e conseguiron plasmar as súas emocións nunha canción orixinal. A súa creatividade e implicación foron fundamentais para dar forma a unha peza que reflicte a súa visión artística e evolución musical. Este proxecto permitiulles non só expresarse a través da composición, senón tamén reforzar a súa confianza e ilusión pola música. Esta peza, 'Preto de ti', reflicte a súa visión artística e evolución musical.
  • WildFire, grupo rock con trazas do grunge e do metal, está formado por Uxía García Carneiro na voz, Nora Lora Castro na guitarra eléctrica, Maya Sáez Sandoval no teclado e Uxía Romero Yáñez na batería. Estas catro rapazas estudan 3º da ESO no IES Alexandre Bóveda de Vigo. Neste instituto coñecéronse e en 1º e 2º da ESO comezaron a tocar no club de música do instituto, un espazo onde aqueles estudantes con intereses musicais xúntanse e comparten vivencia s en torno á música, dando concertos por colexios e institutos da zona. A estrea do seu grupo realizouse na festa de Entroido do IES, gañando o concurso e tendo que aturar a crítica dalgúns rapaces que sostiñan que a vitoria estivo condicionada por ser un grupo composto integramente por mulleres. Esta polémica provocou a composición do tema Ladroas co que agora se presentan ao concurso Quero Cantar 2025. Queren demostrar que a súa capacidade e entusiasmo non entende de xénero.
  • Interestelares é un grupo formado en Cangas do Morrazo por Loaira, Tomé, Martín e Leire, que na edición anterior do Quero Cantar xa conseguiron o segundo posto na categoría xuvenil. A amizade, compromiso social, amor pola lingua e cultura propias ou a natureza, son temáticas que inspiran a música da banda expresada no seu pop-rock. As súas primeiras actuacións públicas foron en eventos da zona como a Festa da Queimada do Hío, o Area e Folk de Vilariño e o festival Son do Nadal en Cangas. Son totalmente autónomos no proceso creativo e empregan sempre a lingua galega. Nos tres anos de vida do grupo, apréciase xa a evolución e madurez dos artistas individualmente e como grupo, froito da experimentación o traballo colectivo e a ilusión. Nesta ocasión presentan a peza 'Vai calor'.