A Deputación celebra con Adaceco os seus 25 anos apoiando as persoas con dano cerebral adquirido
A deputada Yoya Neira destacou a contribución da entidade para mellorar a vida de centos de persoas e das súas familias, construíndo unha sociedade máis xusta e accesible

A Deputación da Coruña acompañou hoxe á Asociación de Daño Cerebral Adquirido da Coruña (Adaceco) na celebración do seu 25º aniversario, nun emotivo acto no Paseo do Parrote que reuniu centos de persoas e simbolizou o compromiso colectivo coa inclusión e a dignidade das persoas con dano cerebral adquirido.
A deputada provincial de Educación, Yoya Neira, participou no acto en representación da Deputación e destacou "o traballo incansable de Adaceco ao longo destes 25 anos, mellorando a vida de centos de persoas e das súas familias, e construíndo unha sociedade máis xusta e accesible para todas e todos".
No acto, os asistentes formaron un "25" humano xigante como símbolo da traxectoria da entidade, que atende actualmente a arredor de 170 persoas ao mes e conta con máis de 500 socios. A celebración contou tamén coa presenza da alcaldesa da Coruña, Inés Rey, e representantes doutras administracións.
Adaceco está a construír un novo centro de rehabilitación no barrio coruñés de Eirís, grazas á doazón de 925.000 euros recadados por 9.000 traballadores de Inditex durante unha venda benéfica. O presidente da asociación, José Luis Delgado, fixo un chamamento ás administracións para obter o apoio necesario que permita completar as obras dun centro clave para dar resposta ao incremento da demanda.
A Deputación da Coruña expresa o seu recoñecemento ao labor da entidade e reitera o seu compromiso con políticas públicas que garantan atención, rehabilitación e apoio ás persoas con dano cerebral adquirido.