Estás en:Novas

Chega a librerías a obra “Conxo, non restraint” de Alberto Ramos, gañadora do XXI Premio Rafael Dieste da Deputación da Coruña

A deputada de Cultura, Natividade González, acompañará ao autor o xoves, 24 de abril ás 19:00 h, na Librería Pedreira de Compostela

A editorial galega Cuarto de Inverno publica o texto gañador na última convocatoria á que se presentaran un total de 38 obras orixinais

Chega a librerías a obra “Conxo, non restraint” de Alberto Ramos, gañadora do XXI Premio Rafael Dieste da Deputación da Coruña

A obra gañadora do XXI Premio Rafael Dieste de Textos Teatrais, convocado pola área de Cultura da Deputación da Coruña, xa está en librerías. "Conxo, non restraint" de Alberto Ramos resultara ser o texto gañador na convocatoria 2023 deste premio bianual á que se presentaran un total de 38 obras orixinais.

A deputada de Cultura, Natividade González, acompañará ao autor na primeira presentación do libro, publicado pola editorial galega Cuarto de Inverno, o vindeiro xoves 24 de abril ás 19:00 h na Librería Pedreira de Compostela. Alberto Ramos conversará sobre a obra coa xornalista Sonia Diaz nun acto de entrada libre ata completar aforo.

Conxo, non restraint
En Conxo, non restraint atoparemos as posibles deliberacións do Comité de Ética Asistencial dunha área sanitaria que se enfronta á reclamación interposta por Marcos García, un cidadán, un fillo, talvez un simple actor. No seu requirimento, un de tantos outros, esíxense explicacións polo que considera o trato vexatorio que sufriu a súa nai nunha planta de psiquiatría. Un trato que, a ollos de Marcos, resulta contrario aos estándar de calidade e de atención digna propios dun servizo público.

Sobre o papel, catro actrices e dous actores, unha familia, varios equipos médicos, as dúbidas, a incerteza, as declaracións e os xogos escénicos. Todo isto fai de Conxo, non restraint o que é: un artefacto de sutil intriga, de cómplice reflexión co público e de ácido humor. En definitiva, un artefacto teatral que mereceu o XXI Premio Rafael Dieste de Textos Teatrais convocado pola Deputación da Coruña e dotado con 6.500 euros.

O xurado que escolleu a obra de Alberto Ramos estivo composto por Teresa Moure, Avelina Pérez, Lois Blanco, Sabela Hermida e o gañador da edición 2021, Roberto Pascual.