Estás en:Novas

A Deputación celebra o Día do Libro cunha visita institucional á Biblioteca Provincial

A deputada de cultura, Natividade González, encabezou a visita, acompañada dos deputados provinciais Avia Veira, Mónica Rodríguez, Xosé Penas e Soledad Agra

"Neste Día do Libro queremos reivindicar o valor da nosa biblioteca, como símbolo da nosa historia, cultura e identidade" sinalou Natividade González, "onde podemos atopar grandes xoias patrimoniais, así como múltiples actividades de dinamización lectora para todos os públicos"

A Deputación celebra o Día do Libro cunha visita institucional á Biblioteca Provincial

A Biblioteca Provincial acolleu esta mañá a visita oficial de membros dos diferentes grupos provinciais da Deputación da Coruña, dirixida por persoal técnico da biblioteca. A deputada de cultura, Natividade González, encabezou a visita, acompañada dos deputados e deputadas Avia Veira, Mónica Rodríguez, Xosé Penas e Soledad Agra.

A titular de cultura expresou o obxectivo: "Neste Día do Libro queremos reivindicar e poñer en valor a nosa biblioteca provincial, que ademais está de 180 aniversario, e que da servizo aos 93 concellos da provincia. Un gran símbolo da nosa historia, cultura e identidade, pois alberga auténticas xoias patrimoniais, e tamén dinamizadora da lectura entre os diferentes públicos, poñendo en marcha múltiples actividades como clubs dixitais, concursos ou obradoiros, e sendo exemplo de innovación e mellora constante".

Durante a visita, os deputados e deputadas tiveron a oportunidade de coñecer de primeira man os fondos máis destacados da colección provincial. O percorrido comezou na exposición do vestíbulo, que fai un repaso polo labor editorial desenvolvido na provincia dende o nacemento da biblioteca ata a actualidade, 1845-2025. Posteriormente, a delegación provincial dirixiuse á Sala da Formación para coñecer as actividades que se desenvolven. Continuou na Hemeroteca, un espazo adicado á consulta e á investigación onde se atopa o fondo de prensa, e despois polos depósitos da Biblioteca onde se encontran os fondos patrimoniais e destacados, o Fondo Antigo, os libros de bibliófilo así coma toda a colección de fondos musicais. A visita finalizou na sala de exposición onde se visualizaron algúns dos exemplares máis curiosos e emblemáticos que forman parte do Patrimonio Galego; libros e edicións únicas que pertencen aos Tesouros da Biblioteca Provincial.

Ademais desta visita, a Biblioteca Provincial ofrece actividades durante todo o mes de abril para celebrar o Día do Libro. Hoxe haberá outras 3 visitas guiadas, que se suman ao concurso de microrrelatos #HoxeEscriboEn para a mocidade; ao concurso de mensaxes curtas #140enpositivo; aos clubs de lectura da eBiblioDaCoruna; ás recomendacións lectoras no primeiro andar; aos 'clásicos a medida' adaptados por idades na sala xuvenil; aos novos clubs de lectura sobre igualdade e LGTBI e aos obradoiros infantís de plastilina e de de modelaxe de personaxes da literatura infantil na provincia.