Estás en:Novas

A Deputación da Coruña investirá máis de medio millón de euros nas obras de mellora do firme da estrada DP 4803 entre a praia de Miño e Perbes

Os traballos, incluídos no Plan de Conservación de Estradas, contemplan a renovación completa do firme nos primeiros catro quilómetros da vía

O presidente da Deputación e o alcalde de Miño visitaron a zona e destacaron que as obras permitirán unha circulación máis cómoda, segura e eficiente

A Deputación da Coruña investirá máis de medio millón de euros nas obras de mellora do firme da estrada DP 4803 entre a praia de Miño e Perbes

A Deputación da Coruña vén de adxudicar por 540.879 euros as obras de renovación do firme dos primeiros catro quilómetros da estrada provincial DP 4803, o acceso principal á praia grande de Miño.

Así o anunciou o presidente da institución provincial, Valentín González Formoso, que visitou a zona acompañado do alcalde, Manuel Vázquez Faraldo, para anunciar o inicio duns traballos "destinados a mellorar as condicións de circulación nunha estrada moi transitada, especialmente durante a época estival, cando Miño recibe milleiros de visitantes e que actualmente conta cun firme que presenta múltiples desperfectos debido ao paso do tempo e os efectos da climatoloxía".

Formoso explicou que o investimento "vai supor unha notable mellora da seguridade e comodidade da circulación", acometerase con cargo ao Plan de Conservación de Estradas da Deputación e inclúe actuacións previas de saneo e reparación puntual de determinadas zonas nunha superficie aproximada de 7.000 metros cadrados e a posterior dotación dunha nova capa de rodaxe de mestura asfáltica en quente de 5 cm de espesor ao longo de toda a superficie de 34.665 metros cadrados que vai dende o punto quilométrico 0+000, no inicio da praia Grande, ata o 4+000, pasado xa o núcleo de Perbes.

"O novo firme vai permitir unha circulación máis cómoda, máis segura e tamén máis eficiente", afirmou o alcalde de Miño, Manuel Vázquez Faraldo, que sinalou que "a Deputación, unha vez máis, cumpre coas demandas de Miño"

"Quero destacar tamén que esta actuación non é un feito illado. Forma parte dun conxunto de investimentos que a Deputación da Coruña está a facer en Miño, e que demostran unha gran sensibilidade co noso concello. Desde o Concello queremos agradecer moi sinceramente ese compromiso e esa vontade de sumar para mellorar a vida da nosa veciñanza. A cooperación entre institucións é clave, e este é, como foron as beirarrúas de San Xoán de Vilanova o ano pasado, un exemplo claro de como dá bos froitos", afirmou o alcalde de Miño, que sinalou que "desde o goberno local estamos convencidos de que este tipo de obras teñen un impacto directo no día a día das persoas. Non só melloran a mobilidade, senón que tamén reforzan a imaxe de Miño como un lugar acolledor, accesible e ben coidado, tanto para quen vive aquí como para quen nos visita."

Seguindo esta estrada, entre os quilómetros 7+200 e 10+300, no núcleo de Centroña (Pontedeume), a Deputación vén de completar as obras de construción dunha senda peonil de máis de 3 quilómetros de lonxitude e renovación do firme da vía, cunha actuación que supuxo un investimento de máis de 1,3 millóns de euros para unha mellora integral da seguridade na zona.