Estás en:Novas

A Deputación licita a senda peonil de Rianxo a Burés por Asados

A obra sae a concurso por 169.614,22 euros e contempla a creación dun itinerario de case 400 metros de lonxitude.
Estes traballos completan a actuación realizada polo organismo provincial en outono do 2023, cando se investiron 303.248 euros en renovar a capa de rodaxe dos tres primeiros quilómetros da estrada.

A Deputación licita a senda peonil de  Rianxo a Burés por Asados

A Deputación da Coruña licita a senda peonil na estrada provincial DP-7202 que une Rianxo e Burés por Asados. Esta obra vén a completar a intervención de mellora da capa de rodaxe nesta vía executada polo organismo provincial no outono de 2023, facéndoa agora máis segura para as persoas que transitan a pé.

Os traballos, que saen a concurso por 169.614,22 euros e aos que as empresas poden presentar as súas ofertas ata o 19 de maio, contemplan a construción dunha senda peonil sobreelevada de 2 metros de ancho medio e case 400 de lonxitude entre os puntos quilométricos 1+541 e 1+911. O obxectivo é dar continuidade aos tramos de beirarrúa xa existentes na zona.

O proxecto inclúe tamén a execución dunha nova rede de drenaxe de augas pluviais mediante tubaxes de PVC, sumidoiros e pozos de rexistro ao longo da senda. Nalgúns puntos, como na zona do tanatorio e no camiño municipal cara a Barral e Outeiro, non se construirá senda, mais si se renovará a canalización subterránea. Ademais, habilitarase unha zona de estacionamento con pavimento asfáltico ao pasar o cruce coa mencionada vía que leva cara Barral e Outeiro. A actuación completarase coa reposición da rede de abastecemento de auga, renovación do alumeado público e instalación da sinalización viaria necesaria.

A Deputación completa así un importante investimento na vía, pois a estes case 170.000 euros hai que sumar os 303.248 euros que se empregaron en renovar o firme dos tres primeiros quilómetros da vía, que transcorre por un tramo urbano ata a capela de Santa Lucía.

Este investimento reforza o compromiso do ente provincial coa mobilidade peonil, permitindo á veciñanza de núcleos como Barraca ou Lustres achegarse á capitalidade de Rianxo a través dun itinerario seguro.