Estás en:Novas

A Coruña conquista os “5 sentidos” do público bilbaíno que acudiu á presentación gastronómica da Deputación

A área de turismo da entidade provincial celebrou onte un novo evento "A Coruña cos 5 sentidos", nesta ocasión en Bilbao, para promocionar a gastronomía da provincia

Os cociñeiros de Pracer Zalaeta, Moncho Bargo e Javier Freijeiro, foron os encargados de elaborar un menú a base de produtos locais, que repetirán mañá nunha cita do mesmo formato en Vitoria

"Somos un destino gastronómico de primeiro nivel, e así o queremos demostrar en todos cantos foros participamos" sinalou o vicepresidente, Xosé Regueira, que apuntaba tamén que "queremos invitar a ese turista que saiba valorar todo o que a nosa xente é capaz de ofrecer: hospitalidade, calidade e diversidade"

A Coruña conquista os “5 sentidos” do público bilbaíno que acudiu á presentación gastronómica da Deputación

O estadio de San Mamés converteuse onte no escenario de presentación da proposta gastronómica da Deputación da Coruña, que celebrou o evento "A Coruña cos 5 sentidos" ante un público profesional que coñeceu de primeira man algúns dos produtos locais máis representativos da provincia, elaborados polos cociñeiros de Pracer Zalaeta, Moncho Bargo e Javier Freijeiro. Este encontro repetirase hoxe, 6 de maio, na cidade de Vitoria.

Regueira explicou, durante a súa intervención, en que consiste 'A paisaxe que sabe', unha campaña "coa que facemos referencia ao saber e ao sabor da nosa provincia, un destino que destaca pola súa autenticidade", sinalou. "Autenticidade que se traslada ás nosas paisaxes, á nosa xente e, por suposto, á nosa gastronomía". O vicepresidente detallou que "queremos invitar a ese turista que saiba valorar todo o que a nosa xente é capaz de ofrecer: hospitalidade, calidade e diversidade" e convidou a todos os asistentes a visitar a provincia.

A xornada comezaba cun aperitivo de queixo Galmesán e croqueta Chili Crab, maridado con vermú Lodeiros. Posteriormente, o menú degustación, con dous pases protagonizados polas vieiras e ameixas de Mariscos de Barallobre. Os comensais tiveron a oportunidade de coñecer todos os detalles da súa captura da man do patrón maior, Jorge Pena. Para continuar, fabas galaicas, herbas do litoral, pescada, espárrago e touciño de porco celta. E, para rematar, filloa de requeixo de A Capela e toffee de licor café. Todo maridado con viños da IXP Viños da Terra de Betanzos e DO Rías Baixas da subzona Ribeira do Ulla. Un fantástico menú que se pechou coa mellor xenebra do mundo, Vánagandr.

Hoxe, a área de turismo da Deputación viaxa ata Vitoria para presentar no Restaurante Zaldiaran a gastronomía da provincia da Coruña. "Euskadi é un territorio estratéxico para nós, con grandes sinerxías e que conta tamén cun perfil de visitante que valora a calidade, a autenticidade e a sustentabilidade" sinalou Regueira. "Con 956 quilómetros de costa, a nosa provincia é un produto turístico moi atractivo pois, ademais da gastronomía, destaca pola nosa cultura, lingua, recursos naturais incribles e, por suposto, a nosa xente".