Estás en:Novas

A Deputación organiza unha xornada de actividades arredor da ilustración e o libro ilustrado no marco da MiiC5

A proposta, elaborada en colaboración con Afundación, pretende achegar ao público este amplo universo a través de encontros directos cos artistas e coloquios

Terá lugar o vindeiro sábado, 10 de maio, na Sede de Afundación en Santiago de Compostela

A Deputación organiza unha xornada de actividades arredor da ilustración e o libro ilustrado no marco da MiiC5

A Deputación da Coruña promove, o sábado 10 de maio no marco da V Mostra Internacional de Ilustración Contemporánea Afundación (MiiC5), unha completa xornada de actividades paralelas na Sede de Afundación de Santiago de Compostela, con entrada libre. A proposta pretende achegarlle ao público o universo da ilustración contemporánea e a creación editorial, combinando encontros directos coas e cos artistas participantes na mostra e espazos de reflexión arredor do libro ilustrado e a banda deseñada.

As actividades dividiranse entre os formatos Open MiiC e o FELiiC – Foro de Edición e Libro Ilustrado Contemporáneo, co obxectivo de fomentar o diálogo e a participación cidadá no contexto da MiiC5. Ao longo de toda a xornada, que se estenderá das 11:00 ás 14:00 e das 16:30 ás 19:30 horas, as persoas asistentes poderán participar en charlas e encontros abertos cos creadores e creadoras das obras expostas, así como profundar no proceso de creación artística e editorial desde diferentes perspectivas.

A mañá comezará ás 11:30 horas no auditorio coa charla "A traxectoria dunha linguaxe: vinte anos do Premio Castelao de Banda Deseñada", unha mesa redonda que celebra as dúas décadas deste certame de referencia impulsado pola Deputación da Coruña. Intervirán Miguelanxo Prado, creador do premio; Sabela Herrero, en representación da Deputación; e as dúas autoras gañadoras da última edición, Laura Suárez e Sandra López Díaz. A conversa será moderada pola xornalista Susana Pedreira.

Ás 12:45 horas terá lugar no primeiro andar un primeiro encontro coas artistas Emily Eldridge, Mariona Cabassa, Ana Jarén e Catalina Rodríguez Villazón, que compartirán co público os detalles das súas obras expostas na MiiC5, así como as súas técnicas, influencias e visións persoais sobre a ilustración contemporánea.

Xa pola tarde, ás 17:00 horas no andar 0, desenvolverase un novo encontro coas e cos artistas Cristian Fojón Caruncho, Paula Mayor e Inma Hortas, quen tamén participarán neste diálogo aberto arredor do seu traballo e procesos creativos.

A continuación, ás 18:00 horas no auditorio, celebrarase a charla "Narrativas visuais: catro voces, catro camiños", con intervencións de Ana Jarén, Mariona Cabassa, Harsa e Emily Eldridge. A moderación estará a cargo de Neves Rodríguez, quen guiará esta conversa sobre estilos, traxectorias e o papel da ilustración como linguaxe artística e narrativa.

O peche da xornada terá lugar ás 19:00 horas no segundo andar cun encontro final que reunirá a María Grande, Marcos Covelo, Harsa e Maritza Berttolini, permitindo un último espazo para o intercambio entre artistas e público antes do remate do día.

Durante toda a xornada, o público tamén poderá visitar a exposición bibliográfica conmemorativa do XX aniversario do Premio Castelao de Banda Deseñada, situada no andar 0 da Sede de Afundación. A mostra recolle as obras gañadoras da edición 2023 e ofrece un percorrido pola evolución do certame desde a súa creación, poñendo en valor a súa contribución ao desenvolvemento da banda deseñada en Galicia.