Estás en:Novas
Acticividades da BPDC na provincia: Encontros coas letras

A nova poesía oral galega

A BIBLIOTECA PROVINCIAL DA CORUÑA E AGER INSUFLAN VIDA Á LITERATURA EN TODA A PROVINCIA 

A Deputación da Coruña, a través da Biblioteca Provincial, e Asociación Galega de Escritores e Escritoras poñen en marcha "Encontro coas Letras", un proxecto que mestura grandes autores e autoras galegos con escritores e escritoras máis descoñecidos e permitiralle á comunidade lectora da provincia da Coruña desfrutar da literatura de forma directa e próxima.

A nova poesía oral galega

Un autor ou autora amplamente recoñecido polo público, e outro escritor ou escritora de perfil máis descoñecido, fronte a fronte coa comunidade lectora. Esta é a liña argumental de "Encontro coas letras", o proxecto presentado esta mañá pola Deputación da Coruña e AGER, enmarcado dentro do 180 Aniversario da Biblioteca Provincial, que busca dotar dunha vida diferente á literatura nas bibliotecas da provincia da Coruña.

O proxecto, tal e como explica a presidenta de AGER, María Nieto, "servirá para que o público lector, esa comunidade que enche de vida as bibliotecas, coñeza as propostas que os autores e autoras galegos desenvolvemos, dun xeito sinxelo e moi asequible".

Os escritores e escritoras serán emparellados polos seus puntos en común, "é dicir, serán sempre un autor ou autora moi recoñecido e outro ou outra con menos calado público, pero ambos terán sempre algo en común. As súas temáticas, os seus xéneros literarios, a súa xeración literaria, o seu estilo narrativo... Así logramos que a comunidade lectora coñeza propostas novas da man de libros e autores ou autoras que xa lle son coñecidos, e, ao mesmo tempo, impulsamos o debate e a profundización na produción desas plumas xa famosas".

Os "Encontros coas letras" queren ser eventos vivos, nos que a comunidade lectora poida participar activamente para comentar, debater e falar cxs autorxs participantes sen barreiras.

E precisamente por iso o proxecto implicará 7 encontros en 7 bibliotecas da provincia da Coruña, comezando polo vindeiro xoves 22 de maio ás 19 horas na propia Biblioteca Provincial, que servirá de escenario para o primeiro "Encontro coas Letras", protagonizado polas poetas Lucía Aldao e Branca Trigo Cabaleiro.

Tras este primeiro encontro, e pasado o verán, terán lugar as seis citas restantes, que se repartirán entre setembro e novembro entre diferentes bibliotecas da provincia da Coruña, nun calendario final que será anunciado nunhas semanas.