A Deputación colabora co XXI Premio Xornalistas de Liberdade de Prensa, que recolleu o xornalista palestino Nasser Abu Baker
O Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia celebrou esta mañá en Santiago o acto, onde participou a deputada de dereitos civís, Soledad Agra
"O Sindicato de prensa palestino segue loitando pola liberdade informativa, garantindo que as violacións dos dereitos humanos en Palestina sexan documentadas e difundidas a nivel mundial. O seu traballo é fundamental para a preservación da memoria histórica e a denuncia das inxustizas que se están a cometer", apuntou a deputada

Nasser Abu Baker, presidente do Sindicato de Xornalistas Palestinos, recolleu esta mañá en Santiago o XXI Premio Xornalistas de Liberdade de Prensa, convocado polo Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia coa colaboración da área de Dereitos Civís da Deputación da Coruña, que foi concedido á súa organización. O xornalista palestino afirmou que o sindicato considera a concesión deste premio "un evento histórico" polo "seu significado de solidariedade e apoio a Palestina".
O acto de entrega ao Sindicato de Xornalistas Palestinos do XXI Premio Xornalistas de Liberdade de Prensa, organizado polo Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia coa colaboración da Deputación da Coruña, a través da área de Dereitos Civís, tivo lugar esta mañá no Centro Galego de Arte Contemporánea en Santiago, e contou coa participación da deputada de dereitos civís, Soledad Agra, "nun acto que devolve a dignidade a unha profesión de servizo público que é imprescindíbel" sinalou Agra
"Estamos aquí para homenaxear a verdade, a xustiza, a valentía e, desgrazadamente tamén a morte dos que deixaron a vida polo seu traballo" apuntou a deputada. "Hoxe este premio recibeo Nasser Abu Baker, como presidente do sindicato de xornalistas da Palestina, e ao nomear ó pobo palestino, nesta tribuna, encólleseme o corazón, unha impotencia imposíbel de dixerir afógame cada vez que penso no xenocidio que estamos permitindo en Palestina".
Agra expresou que "levamos máis de cincocentos días asistindo ó exterminio dun pobo que xa levaba sendo acosado, atacado e abusado. Xa son máis de 60 mil os palestinos e palestinas asasinados. Máis de 200 xornalistas asasinados en ataques premeditatos". "Pero, ainda así", engadiu, "o Sindicato de prensa palestino segue loitando pola liberdade informativa, garantindo que as violacións dos dereitos humanos en Palestina sexan documentadas e difundidas a nivel mundial. O seu traballo é fundamental para a preservación da memoria histórica e a denuncia das inxustizas que se están a cometer en Oriente Próximo. O noso recoñecemento eterno."