Estás en:Novas

A Deputación e o Concello de Melide asinan un convenio para mellorar trece rúas do municipio cun investimento de 300.000 euros

A institución provincial achega o 80% do orzamento para executar obras de pavimentación, sinalización e seguridade viaria

A Deputación e o Concello de Melide asinan un convenio para mellorar trece rúas do municipio cun investimento de 300.000 euros

A Deputación da Coruña e o Concello de Melide veñen de asinar un convenio de colaboración para a execución de obras de mellora en trece rúas do municipio, cun investimento total de 300.000 euros. A Deputación achegará 240.000 euros, o 80% do total, mentres que o Concello asumirá os 60.000 euros restantes.

O acordo foi formalizado esta mañá na sede da institución provincial nun acto no que participaron o presidente da Deputación, Valentín González Formoso, e o alcalde de Melide, José Manuel Pérez.

As actuacións previstas inclúen a reparación do firme, a pavimentación, a apertura e limpeza de cunetas, así como a renovación da sinalización horizontal nas seguintes rúas: Alfredo Álvarez González, Camiño O Meire, Camiño Cabanelas, acceso á Cooperativa, Alcalde Andrés Rodríguez Martínez, Camiño Arribas, Camiño Gondolín a Garea, Xoán XXIII, Sofía Casanova, Pastor Barral Camoiras, Bocelo, Rañado, Pilar e San Salvador.

"O mantemento das infraestruturas municipais é esencial para garantir a seguridade viaria, mellorar a calidade de vida da veciñanza e contribuír a unha imaxe máis coidada e atractiva das nosas vilas e cidades", afirmou o presidente Valentín González Formoso, quen destacou que "estes investimentos permiten dar resposta a necesidades urxentes dos concellos, moitas veces sen capacidade para afrontalas en solitario".

Formoso insistiu na importancia da colaboración institucional como ferramenta para avanzar na igualdade territorial: "Desde a Deputación traballamos da man dos concellos para mellorar o día a día da xente, vivan onde vivan. Esa é a nosa prioridade: sumar esforzos para construír municipios máis cómodos, seguros e habitables".

Pola súa banda, o alcalde de Melide agradeceu o apoio da Deputación e sinalou que estas actuacións permitirán mellorar o estado de rúas que levaban anos agardando unha intervención para mellorar o seu estado.